31/01/14

Cadeas - Páx. 99


LÓPEZ LÓPEZ, Xabier. Cadeas. Vigo: Xerais, 2013. ISBN 978-84-9914-564-8.
Premio Xerais de Novela 2013


Contracuberta:

Nun porto afastado, Manuel Antonio mantén unha fermosa historia de amor cunha sorprendente muller á que coñeceu grazas a un estraño navegante chamado Joseph Conrad. Un rapaz de 15 anos relata a época en que os veraneantes madrileños eran o punto de todas as olladas e desexos da súa vila. Dous grupos de mozos provocan unha trifulca durante unhas festas patronais ao inicio da Transición. O músico dunha orquestra e a camareira dun ambigú establecen unha engaiolante historia de amor... 
Cadeas é unha novela de novelas. Un baúl de historias que denotan unha prodixiosa capacidade para fabular, para recrear, para imaxinar. A novela iníciase a partir da anécdota dun escritor que descobre na praia unha muller nova que le unha novela súa. Entre ambos os dous establécese unha curiosa e incómoda relación que nos conduce a un debate sobre a identidade do que é ou non é hoxe unha novela. Desde o fragmentarismo dun narrador que ás veces é pop e ás veces é culto, Cadeas paséanos por diferentes atmosferas, rexistros e historias con gran sentido do humor e cunha áxil ironía. 
Esta é a novela dun ventrílocuo, alguén capaz de enredarnos a través de diversos xogos textuais que pretenden evidenciar para o narrador a imposibilidade de contar, problematizando as dificultades da escrita.


 "Pois ben. A primeira idea que pasou pola cabeza de X. T. R. (e referirémonos a el coma encarnación ou, se se prefire, abstracción da propia Asociación Cultural E. V.) foi pensar nunha errata —en puridade un lapsus calami— trasladada dende o propio opúsculo B. Honra os seus mártires, ou poida que mesmo dende máis atrás, dende os primeiros borradores que o vello Beade deu en riscar cun lapis de carpinteiro (este último detalle é enteiramente inverificable) durante os moitos anos nos que estivo escondido. A tese cobrou máis forza cando se rescatou do esquecemento a figura de Luís Antonio Cortiñas, avogado próximoa á ORGA e máis adiante a Izquierda Republicana, en tempos compañeiro de pasantía do que foi alcalde —e un dos poucos mártires da lista que contou cando menos cun simulacro de xuízo—, o letrado socialista Tomás López Datorre. Traizoaría a agarrotada man de Beade á súa memoria prodixiosa? Querería dicir Luís ou Antonio ou mesmo Luís A. onde puxera Francisco?
Había un atranco de consideración para dar por bo este argumento. O avogado Luís Antonio Cortiñas, nado no número 4 do Campo da Feira (e coincidentemente nese 1900 que, ao igual que un cento de anos despois, moitos quixeron ver etcétera, etcétera, etcétera.) morreu octoxenario en Concepción del Urugai, unha cidade que, malia o que poida suxerir o nome, se atopa no levante da República Arxentina. Ou o erro era meirande do que se cría (isto é, dar por morto a quen viviu cincuenta anos máis na provincia arxentina de Entre Ríos) ou había que volver reconsiderar a hipótese primeira. O certo é que, se ben o Beade confundiu nos seus apuntamentos algúns apelidos e algúns nomes de pía, como quedou de manifesto no posterior estudo de X. T. R., co Francisco Cortiñas os descoidos non foron máis alá de dar por certo o 29 de novembro de 1938 como día da súa morte. (A realidade é que o seu asasinato tivo lugar o 9 de marzo de 1939, a tan só tres semanas, coma quen di, da fin da guerra.) Aínda máis: se a intriga por aquel nome non abrigase a desentenderse da letra impresa, calquera podería saber, como de certo figuraba no folleto-opúsculo-libriño e como advertiu o propio X. T. R. cando o resto dos compañeiros se arrebolaban ás máis aventuradas e fantasiosas especulacións, que este Francisco non era nin máis nin menos ca o irmán do Luís".

Ningún comentario: