O blog da biblioteca do CPI da Ribeira

Onde a lingua sabe a pan

Din que hai un sitio en Galicia que ten un pan tan rico, tan rico que ata o que falan sabe a pan. Non imos entrar na discusión de cal é o mellor pan galego, que se o de Cea, o de O Porriño, o de Carral, o de Carballo... pero o que queda claro, mentras non se demostre o contrario, é que o pan galego é o mellor do mundo!
O pan está moi presente na sabiduría popular, como se ve nestes ditos e cantigas:

  • A auga de san Xoán, tolle o viño e non dá pan.
  • A choiva no abril dá millo e dá pan.
  • A falta de pan, bo é pantrigo.
  • Á mesa sin pan non te poñas a xantar.
  • A pan de quince días, fame de tres semanas.
  • A pan duro, dente agudo.
  • A galiña pon o ovo/ pra o proveito da muller:/ o home vai pra o monte/ ¡come broa si a quer!.
  • Caseime no mes de agosto/ porque había moito pan,/ o forno da miña sogra/ cría o fiollo no vran.
  • Catro cartos para pan,/ tres e medio para viño,/ un carto para tabaco,/ alá vai un realiño.
  • Mariquiña da forneira,/ a túa nai onte coceu,/ dáme un anaco de bola/ pola nai que te pareu.
  • Mariquiña da forneira/ se coceres faime un bolo,/ se mo fas, faimo de trigo,/ que centeo non cho como.
  • Marzo, espigarzo;/ abril, penduril;/ maio, granado;/ san Xoán, curado./ Na santa Mariña/ metelo na arquiña.
  • Dam’un bocado de pan/ pol-a nai que te pareu,/ que ch’hei de dar un xurêlo/ cando veña de Buêu.
  • Toma meu cego a limosna/ e non me tóme-la man./ - Perdone miña señora,/ pensei que todo era pan.
Pero falta nesa lista unha das cantigas máis coñecidas:

Se vas ó San Benitiño
non vaias ó de Paredes,
que hai outro máis milagreiro,
San Benitiño de Lérez.

San Benitiño do ollo redondo
hei de ir alá, miña nai, se non morro
e hei de levar unha bota de viño
e unha bola de pan do Porriño.

Por certo, esta competencia entre os dous San Benitiños éche curiosa, non?

E a que vén todo isto? Pois vén a que o CPI Virxe da Saleta, de Cea, fixo un lipdub no que participa todo o alumnado coa música de Sweet Home Alabama e letra inspirada en Álvaro Cunqueiro. Esa canción sonaravos porque tivo unha versión moi famosa dos Siniestro Total: Miña terra galega. Segundo di a súa letra, en Cea ata a lingua galega sabe a pan:



A Lingua sabe a Pan from cpivirxedasaleta on Vimeo.

Sabedes máis ditos ou cantigas que falen do pan? Enviádeos ó noso correo (biblio.cpi.ribeira@gmail.com) ou deixádeos nun comentario nesta entrada... e igual vos gañades algo de pan con chourizo, ou con xamón, ou... ;-)

Ningún comentario: