O blog da biblioteca do CPI da Ribeira

Pode accederse a máis de 32.600 documentos dende o século XI ata a actualidade

 

Documentos como a letra do Himno Galego da man de Eduardo Pondal, os que dan conta do cerco dos ingleses á Coruña en 1589 ou as cartas que enviaba o padre Sarmiento a outros compañeiros de fe son clave para coñecer, comprender e valorar a historia de Galicia. Forman parte dos máis de 32.600 documentos que compoñen o arquivo da Real Academia Galega, un verdadeiro tesouro de pezas que van máis alá da súa dimensión histórica, xa que tamén posúen unha importante faceta simbólica. Son referencias que agora xa non só están ao dispor dos investigadores, senón que calquera cidadán pode acceder a elas a través de Internet.

A Academia vén de completar a migración do rexistro descritivo do seu arquivo desde o seu antigo sistema de xestión á nova aplicación no contexto do proxecto Arquivo Dixital de Galicia, promovido polo servizo xeral de Arquivos da Xunta. Na web da Academia hai unha ligazón (academia.gal/arquivo-fondos) para acceder aos catálogos de máis de trinta arquivos de distintas institucións. Entre elas tamén figuras asociacións e empresas, ás que se engaden fondos persoais ou coleccións que foron doadas á Academia.

Dos máis de 32.600 documentos que forman este arquivo, de máis de 3.700 existe xa copia dixital, polo que o usuario pode coñecer o documento en cuestión na súa forma orixinal. É o caso do poema Os pinos, pero tamén a obra teatral O Mariscal, de Ramón Cabanillas e Antón Villar Ponte, así como textos do padre Sarmiento ou Curros Enríquez, entre outros.

A estes manuscritos hai que sumar os fondos fotográficos, non só de retratos de escritores como Rosalía, Curros ou Pondal, senón tamén a colección fotográfica de Pablo Beade, que comprende imaxes entre os anos 1932 e 1987 de actos e actividades da Federación de Sociedades Galegas de Arxentina, ou rexistros de celebracións como un entroido na Coruña no ano 1916.
http://www.lavozdegalicia.es/noticia/cultura/2017/01/20/span-langgl-academia-abre-os-tesouros-do-seu-arquivo-a-sociedade-traves-da-redespan/0003_201701G20P37991.htm

Ningún comentario: