O blog da biblioteca do CPI da Ribeira

GONZÁLEZ, Sabela. As crónicas de Landereina. Bágoa de lúa. Vigo: Galaxia, 2013. ISBN 978-84-9865-487-5.

Primeiro libro da triloxía fantástica As crónicas de Landereina.


Contracuberta:
Durante corenta anos, Landereina sufriu baixo o poder do malvado Wiasmau. O reino xa está recuperado, pero a historia está a piques de se repetir, a menos que alguén consiga destruír a poderosa Pedra de Lúa.
Nunha pequena cabana, nunha praia esquecida do mundo, Berenguela descubrirá que o seu destino é moi distinto ao que sempre pensara. Descubrirá que salvar o reino pode estar nas súas mans.



"Para evitar ser visto, mesmo se a claridade do luscofusco non era suficiente para que alguén dese albiscado un home baixiño e gordecho a tantos metros das ventás do castelo, Dárdanos preferiu camiñar tras os troncos da primeira fila de árbores, seguindo coa vista a fin dos xardíns, o camiño de area e o interior do bosque, aparentemente frondoso. Unha vez que chegou á altura do camiño, Dárdanos internouse sen temor e en liña recta entre as árbores e, en non moitos pasos, chegou ao seu destino.
En efecto, aquel claro era perfecto para calquera ritual máxico. A lúa coroábao e iluminábao en tons agrisados tras as poucas nubes que ousaban pasear naquela noite truculenta, as árbores que circundaban a verde extensión circular eran unha protección fronte aos curiosos, pero tamén unha sinxela e útil saída perante os inimigos que os puidesen sorprender. Dárdanos asentiu e murmurou congratulacións para si mesmo mentres examinaba o lugar, procurando o sitio máis axeitado, o centro do círculo o máis exacto posible. Unha vez satisfeito, chantou no punto elixido a súa vara, na terra húmida, e sentou ao seu carón, sobre o baúl, a agardar. Bernia e Berthel chegaron tarde. Non foi algo premeditado nin, en realidade, un erro. Simplemente, Bernia e Berthel sempre chegaban tarde. Camiñaron sen présa ningunha polos xardíns de palacio cara ao lugar de encontro con Dárdanos.
Berthel camiñaba co peito erguido, respirando fondo o frescor nocturno, e aínda rumiando a visita que recibira da súa nai a noite anterior. Aquela visita cambiara a súa vida por completo. Nalgún momento crera que o segredo que escoitara pegando ben a orella ás madeiras do caseto da boca do seu irmán maior ou o descubrimento da Pedra de Lúa no estudio do seu pai constituíran un feito crucial na súa existencia, pero a noite anterior descubrira que con só dous golpes na porta da súa alcoba a súa nai podía engadir un pseo máis nos seus ombreiros e un poder desmesurado no seu corazón.
Bernia aparecera no cuarto do seu fillo mediano, o seu fillo favorito, o fillo merecedor dun reino nas súas pupilas, e déralle o pergamiño no que anotara todos os aspectos importantes dun encontro furtivo cun dos meigos máis poderosos do reino, segundo afirmaba".


Visita a web do libro nesta ligazón.



Ningún comentario: