A editorial da Universidade de Santiago, a máis antiga de Galicia -publicou as Fiestas Minervales na honra de Alonso III de Fonseca en 1697-, vén de estrear a súa libraría dixital, denominada Espazo Ebook. O escaparate, segundo informou a institución nun comunicado, é unha parte fundamental do proxecto dixital do Servizo de Publicacións, que arrancou en 2008 coa incorporación de boa parte do seu fondo a Google Books Search.
En 2009, o servizo integrouse, xunto coa biblioteca universitaria, no repositorio institucional universitario en aberto, un proxecto que adquirirá, informa a USC, un desenvolvemento moi importante. En 2010, finalmente, integrouse no proxecto Unebook, a plataforma colectiva de ebboks universitarios auspiciada pola Unión de Editoriales Universitarias (UNE).
Xunto coa apertura de Espazo Ebook, a USC ten previsto asinar un novo acordo con Google Books que suporá, "xa non só o mero acceso informativo aos libros, senón a súa distribución comercial a través do xigante de internet".
Espazo Ebook inaugúrase con preto de cincuenta novidades dos anos 2009, 2010 e 2011 en formatos PDS e EPUB, descargables para monitores, portatextos e móbiles e co denominado "DRM social", é dicir, un xestor de dereitos dixitais que non esixe descargar ningún software especial e incorpora unha "marca de auga" que permite identificar todos os datos da descarga.
A nova libraría dixital da USC será presentada este venres polo reitor da USC, Juan Casares Long; o vicerreitor de Cultura, Javier Garbayo; e o director do Servizo de Publicacións, Juan Blanco Valdés.
Acceso ó Espazo eBook
.
Ningún comentario:
Publicar un comentario