O blog da biblioteca do CPI da Ribeira

O xogo de Ender - Páx. 99

CARD, Orson Scott. O xogo de Ender. Santiago de Compostela: Urco Editora, 2012. ISBN 978-84-938558-6-4.

Contracuberta:
A humanidade descobre que non está soa no Universo no peor dos escenarios posíbeis: os abázcaros intentan, por dúas veces, conquistalos e aniquilalos e só a sorte e a intuición dun líder lendario logran salvala. En 2070 o medo a unha terceira invasión é omnipresente. Todos os países unidos baixo un único mando fan unha última aposta desesperada: comezan a adestrar nenos para que defendan a Terra dos abázcaros, e Andrew Ender Wiggin, un destes pequenos soldados, pode ser a última esperanza da humanidade.
O mellor xeito para que aprendan a facer a guerra é a través de xogos fantásticos que dan nome a esta obra e que determinarán o futuro, non só do protagonista, senón tamén da raza humana e, se callar, da abázcara.


"—A maior parte dos soldados non se decatan de que mentres máis lonxe estean do branco, máis tempo teñen que manter o raio nun círculo de máis ou menos dous centímetros. É a diferenza entre unha décima de segundo e medio segundo, mais na batalla iso é unha eternidade. Moitos dos soldados pensan que erran apuntando cando en realidade non foi así, maís ben movéronse demasiado a présa. Por iso non podes usar a túa arma como unha espada, plin plin cortalos-pola-metade. Tes que apuntar.
Empregou o chama-bólas para atraelas, logo lanzounas amodo, unha por unha. Ender disparoulles. Fallou todas as veces.
—Ben —dixo ela —. Non tes malos hábitos.
—Tampouco teño bos —comentou.
—Eses dareichos.
Non avanzaron moito esa primeira mañá. Sobre todo falaron. Como pensar mentres se dispara. Como reter as propias emocións e as do inimigo na mente ao mesmo tempo. Como manter o brazo firme e apuntar co corpo, así se o teu brazo está conxelado aínda podes disparar. Aprender onde o gatillo realmente fai disparar para non ter que levalo até o fondo cada vez que se dispare. Relaxar o corpo, non tensarse, xa que fai que se trema.
Foi a única práctica que Ender tivo aquel día. Durante as instrucións do grupo de combate pola tarde, Ender recibiu a orde de levar a súa consola e facer os seus deberes, sentado nunha esquina da sala. Bonzo debía ter todos os seus soldados na sala de combate, mais non tiña que usalos.
Porén, Ender non fixo os seus deberes. Se non podía participar na instrución como soldado, podería estudar a Bonzo como estratego. O Grupo de Combate Píntega estaba dividido en catro batallóns normais de dez soldados cada un. Algúns comandantes formaban os seus batallóns de tal xeito que o grupo A estaba formado polos mellores soldados e o D polos peores. Bonzo mesturábaos polo que cada un contaba con bos e malos soldados.
A excepción era o batallón B que só tiña nove mozos. Ender preguntouse quen sería transferido para facerlle espazo a el".


Ningún comentario: