O blog da biblioteca do CPI da Ribeira

Ante a situación que están a vivir os nosos centros escolares desde o pasado 29 de outubro, que atinxe especialmente ao alumnado que está privado do seu dereito de asistencia ás aulas, as comunidades educativas do CPI da Ribeira, IES Ribeira do Louro, CPR Hermanos Quiroga e IES San Paio queren expresar o seguinte:

 1. A educación é un dereito básico e irrenunciable para toda a cidadanía. O dereito á educación esixe garantir a asistencia de todo o alumnado nas etapas de ensino obrigatorio (Educación Primaria e a ESO). Así se recolle na Convención dos Dereitos no Neno, asinada na ONU, que no seu artigo 28 indica que “todo neno ten dereito á educación e é obriga do Estado asegurar, cando menos, a educación primaria gratuíta e obrigatoria”. De igual xeito, a Constitución Española, no seu Título I, Capítulo 2º, Sección 1ª, Art. 27, indica como un dos dereitos fundamentais o dereito de todas as persoas á educación, sendo obrigatoria nas etapas básicas. Así se desenvolveu na Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do Dereito á Educación, que dispón que “todas e todos os españois teñen dereito a unha educación básica que lles permita o desenvolvemento da súa propia personalidade e a realización dunha actividade útil á sociedade. Esta educación será obrigatoria e gratuíta no nivel de educación xeral básica e, no seu caso, na formación profesional de primeiro grao, así como nos demais niveis que a lei estableza”.

2. Como comunidade educativa vémonos na obriga de demandar que se garanta a escolaridade de todo o alumnado que, dun xeito forzado, viuse na obriga de abandonar as aulas. Neste sentido, non facemos máis que reclamar o que indica a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, onde se dispón que “A Xunta de Galicia, a través do organismo competente en materia de educación, garantirá o dereito dos nenos e as nenas e os e as adolescentes a unha atención específica por razón das súas necesidades e distintas capacidades, a unha atención temperá das súas necesidades educativas especiais e ao emprego de medios técnicos e novas tecnoloxías no ensino, realizando programas para a prevención, a detección e o seguimento do absentismo e o fracaso escolar”.

3. A situación que están a vivir un grande número de alumnas e alumnos do noso e doutros centros educativos do Porriño e de Tui, privados do seu dereito de asistencia ao centro escolar, é un atentado contra un dos dereitos básicos e fundamentais: o dereito á educación. A situación do noso alumnado constata que se está a incumprir este dereito no noso país.

4. As comunidades educativas do CPI da Ribeira, IES Ribeira do Louro, CPR Hermanos Quiroga e IES San Paio consideran que é a súa obriga protexer os dereitos do alumnado e ser consecuentes coa educación que se lles ofrece nas distintas etapas educativas, pór en práctica os valores que se ensinan, defendendo os dereitos e deberes que temos como cidadás. Estamos impelidos a actuar, xa que, doutro xeito, entrariamos nunha incoherencia entre o que se ensina nas aulas e o que se vive na realidade a comunidade escolar.

5. As familias son unha parte esencial na vida dun centro escolar. Como comunidade educativa non podemos máis que ser sensibles ante a dura situación que están a vivir un importante número de familias. É de xustiza demandar que todas elas poidan exercer libremente o seu dereito a decidir cal é o seu lugar de residencia. Solidarizámonos con elas e reclamamos que poidan volver ao que elas consideran o seu auténtico fogar.

6. Non podemos nin debemos permitir que esta situación se prolongue moito máis no tempo. A asistencia do alumnado é imprescindible para a súa formación e desenvolvemento integral. Por outra banda, o dereito á educación básica do alumando debe quedar á marxe de calquera problema alleo á súa responsabilidade.

7. Por todo o exposto anteriormente, solicitamos a rápida e efectiva actuación de todas as administracións implicadas para que aseguren o dereito á educación de todo o alumnado implicado.

Ningún comentario: