O blog da biblioteca do CPI da Ribeira

A memoria da choiva - Páx. 99

FEIJOO, Pedro. A memoria da choiva. Vigo: Xerais, 2013. ISBN 978-84-9914-570-9.

Contracuberta:
Cando Xosé Carneiro, coñecido psicanalista e polémico colaborador televisivo, aparece co peito aberto no seu piso da compostelá rúa República do Salvador, son dúas as cousas que chaman a atención do xornalista Aquiles Vega e da profesora Sofía Deneb. A primeira é a brutalidade, a violencia extreme con que o crime foi levado a cabo. A segunda, ese detalle que non encaixa na escena: unha estraña peza de ferro chantada no corazón.
En realidade, a de Carneiro non é máis que a primeira dunha cadea de mortes en serie, unha carreira contra o reloxo na que Aquiles terá non só que comprender que é o que está pasando, senón cal é o papel que en toda esta historia xoga un dos nomes máis importantes da nosa literatura, aquel sempre rodeado de misterio e escuridade. E, sobre todo, terá que saber quen é Adriano…

"Eu tamén confesaría, se alguén mo pedise, que non tiña nin idea do que aquela muller quería dicir con todo aquilo, pero comprendín que, polo menos, era axuda o que estaba a ofrecer. Talvez toda a axuda que a tarde anterior se negara a dar, e, de novo ante a oportunidade de saír adiante, preferín non deixala pasar.
A risco de ter un enfrontamento directo con Andrés, quen por motivos evidentes xamais aprobaría o que estaba a piques de facer, decidín poñela ao día tan exhaustivamente como puidese, procurando agora o equilibrio xusto para ser o máis preciso e, asemade, o menos desagradable posible.
Cando por fin rematei coa miña descrición, Sofía quedou calada un momento, coa ollada perdida no monte de papeis que deixara estrados sobre a mesa. Axustou as lentes de pasta negra co seu dedo índice sobre a ponte do nariz, e comezou a falar con suma tranquilidade.
—De acordo —dixo coma se rematase de se confirmar algo a si mesma—. Se me permites, necesito explicarche algo.
Comprobei con alivio como a profesora Deneb deixaba a un lado o tratamento de cortesía. Mellor así: eu sentíame moito máis cómodo na conversa, e á fin e ao cabo, entre Sofía e mais eu tampouco había tanta diferenza. Polo menos na cousa da idade…
 —Segundo a profesora Grandal explica nesa mesma edición de Follas novas da que antes che falaba, no poema que acabas de ler podemos distinguir dúas partes ben diferenciadas. Así, temos por un lado unha primeira parte na que a poeta confesa a estraña condición do seu espírito complexo, o dunha ánima que non consegue atopar alivio nin plenitude no pracer. Mais polo outro lado…
«Polo outro lado, aquel que a nós máis nos importa, temos unha segunda parte na que se nos advirte de que non han faltar dores nin desgrazas coas que encher ese baleiro que levan no seu interior aqueles desgraciados que non conseguen atopar pracer con nada, pobres malpocados aos que a desgraza ateiga de tantas dores que rematan rebentando por dentro".

Ningún comentario: