A Biblioteca do Ribecine está a piques de abrir as súas portas e hai un equipo moi especial que xa está preparado para comezar a traballar: os nosos voluntarios e voluntarias da biblioteca! 🌟
Despois da súa formación, xa están listos para colaborar nas diferentes zonas e tarefas da biblioteca. A súa axuda estará presente dentro da biblio, na zona de xogos e no novo Recuncho Creativo, contribuíndo a que todos estes espazos funcionen correctamente e a que o alumnado poida desfrutar deles.
A súa labor será imprescindible para o bo funcionamento do Ribecine. Axudarán a manter os espazos organizados, colaborarán cos préstamos e devolucións, botarán unha man aos compañeiros e compañeiras e participarán activamente no día a día da nosa biblioteca.
Pero ser voluntario ou voluntaria do Ribecine vai ser moito máis ca iso! 🎥✨
Serán parte activa de todas as actividades que se desenvolvan ao longo do curso e contaremos coas súas ideas, propostas e creatividade. Ademais, terán un papel moi especial no deseño e preparación de actividades dirixidas aos máis pequenos e pequenas do cole, converténdose así en auténticos dinamizadores da biblioteca. 💡📚
E xa comezaron coa súa primeira misión! 🎬 Esta semana encargáronse de colorear os carteis que anuncian a apertura da Biblioteca do Ribecine e, unha vez rematados, percorreron o centro para colocalos e facer chegar a noticia a todos os recunchos do cole.
Porque queremos que o noso alumnado non sexa unicamente usuario da biblioteca, senón que tamén poida participar, propoñer, crear, colaborar e sentirse parte dela.
🎞️ Os voluntarios e voluntarias xa están preparados. Os carteis xa están colocados. O Ribecine está listo…
🍿📚 Que comece a función!
Grazas, equipo de voluntariado, por axudarnos a facer da nosa biblioteca un lugar de todos e para todos! 🌟🎬

Ningún comentario:
Publicar un comentario