Amosando publicacións coa etiqueta poesía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta poesía. Amosar todas as publicacións

21/03/17

Poesía visual na "biblio"



     Os nenos e nenas do cole participan no obradoiro de poesía visual "Proxecto Caligrama 2000" que o poeta e educador David Fernández Rivera está a impartir nestas datas en varios centros de O Porriño.

    O alumnado aprende con el a descubrir o mundo da poesía dende unha perspectiva novedosa interactuando cos seus compañeiros e poñendo en valor os seus propios sentimentos.









   
    Agradecémoslle que sexa quen de espertar a imaxinación e o gusto pola poesía nos nosos cativos.

20/03/17

DÍA MUNDIAL DA POESÍA


"A poesía é unha fiestra á diversidade excepcional da humanidade"
Irina Bokova (Directora xeral da UNESCO)


    Instituído pola UNESCO no ano 1999 en París, o Día Mundial da Poesía celébrase hoxe, 21 de marzo.
    A celebración deste día pretende recoñecer a arte poética como símbolo da creatividade dos seres humáns que, a través das verbas, pretenden mellorar o noso mundo e as nosas vidas.
    En palabras de Javier Vilchez, "A poesía é unha viaxe: non unha viaxe fóra da realidade, senón ao máis íntimo das emocións, as reivindicacións e as esperanzas das persoas. A poesía da forma aos soños dos pobos e ás expresións máis altas da súa espiritualidade. A poesía da tamén valor para cambiar o mundo."

http://www.un.org/es/events/poetryday/sgmessage.shtml



Preme na imaxe para ver a mensaxe da directora xeral da UNESCO

28/02/16

Música arredor da poesía de Manuel María

Neste traballo discográfico, a cantante Uxía ponlle música aos poemas de Manuel María e fai un percorrido polos camiños, emocións e compromiso coa terra que o escritor deixou na súa escrita.

12/02/16

Lembrando a Manuel María

http://academia.gal/novas/-/asset_publisher/E4jf/content/%E2%80%98os-sonos-na-gaiola%E2%80%99-ou-a-volta-a-infancia?redirect=http%3A%2F%2Facademia.gal%2Fnovas%3Fp_p_id%3D101_INSTANCE_E4jf%26p_p_lifecycle%3D0%26p_p_state%3Dnormal%26p_p_mode%3Dview%26p_p_col_id%3Dcolumn-1%26p_p_col_pos%3D1%26p_p_col_count%3D4Manuel María escribiu Os soños na gaiola consciente da necesidade que había naqueles anos dunha poesía infantil en galego. O poemario axiña gañou sona, pero sen dúbida na súa popularidade xogou un papel moi importante o feito de seren musicados os seus versos nun disco de Suso Vaamonde, publicado en 1978 co mesmo título. Fuxan os Ventos ou O Carro tamén musicaron composicións deste libro.
http://academia.gal/novas/-/asset_publisher/E4jf/content/muineiro-de-bretemas-o-poeta-manuel-maria-aos-19-anos?redirect=http%3A%2F%2Facademia.gal%2Fnovas%3Fp_p_id%3D101_INSTANCE_E4jf%26p_p_lifecycle%3D0%26p_p_state%3Dnormal%26p_p_mode%3Dview%26p_p_col_id%3Dcolumn-1%26p_p_col_pos%3D1%26p_p_col_count%3D4



 Manuel María, o protagonista do Día das Letras Galegas de 2016, iniciou a súa andaina poética coa publicación de Muiñeiro de brétemas. O libriño saíu á luz en 1950. Tiña só 19 anos. 


02/06/15

Lucía Aldao: Poemaa

Poemaa

Foi por non decatarme a tempo de que quería que o meu poema
soubese a churrasco,
que houbo que agardar ó final da tardiña
para confirmar tema e intencións.

O verán e os versos
pídoos todos sempre con moita carne.

O día enteiro sen deixarnos,
e con torpeza e indignada
deixei que a aldea toda se me fose metendo nos pulmóns.

Eu con fame non sei escribir,
pero ocórrenseme moitos versos...

E foi comezar a ver en rigoroso directo os primeiros pasos da cea
para que o fume rico ese
chegara a estas páxinas bastante antes ca min.
Que detallazo.
Que agradecido o vicio este
que me permite facer saliba e facer poemas
mentres se van facendo as brasas.
                            ..................
Eu mordo o bolígrafo en plan metáfora de fame
e achegándome á mesa, miña musa,
comprobo como a ensalada de tomate lle ha de facer tanto ben
ó meu poema coma ó churrasco.

Saboreo cada anaco deste verán que non comeza.

Son quen de comer en proporción ó que te boto de menos.

                        Poema nacido dunha costela (de porco).

ALDAO, Lucía. "Poem(aaaaa)s". Galicia Hoxe. Revista das Letras: 734, 1-8

19/05/15

María do Carme Kruckenberg



A pasada fin de semana faleceu en Vigo a poeta María do Carme Kruckenberg. Segundo a Wikipedia, María do Carme estudou pola súa conta, tras pecharse o Colegio Alemán de Vigo, idiomas, historia, ciencias, literatura etc., converténdose nunha autodidacta. Viviu en Arxentina de 1949 a 1953, onde coñeceu a moitos escritores galegos emigrados e arxentinos. De novo en Madrid, participou nas reunións do Café Gijón, coñecendo a Lorca, Alberti, Borges... Posteriormente, tras volver a Galicia, traballou como delegada científica nos Laboratorios Servier.
Autora de poemas, contos e tradutora, colaborou con diversas revistas e diarios, sobre todo en Faro de Vigo. Foi, entre outros premios, recoñecida co Premio Alecrín 1997, a Medalla de Galicia (bronce) en 1998, a Medalla Castelao en 2002 e o Premio Laxeiro en 2011. En 2006 foi nomeada socia de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega, entidade da que foi vicepresidenta. En 1999 dedicóuselle unha praza en Vigo.

"Monumento Kruckenberg Vigo" por Albert galiza - Obra propia. Baixo a licenza CC BY-SA 3.0 a través de Wikimedia Commons

Con esas poucas palabras da Wikipedia estamos a falar dunha muller que foi exemplo para moitas e para moitos, unha muller valiente e libre, cercana e sinxela, pouco amiga dos convencionalismos.

"Os poemas nacen e se constrúen dentro de min e podo estar compoñendo durante moito tempo antes de escribir un só verso; mais cando sento a escribir fágoo cunha sorte de febre que me posúe", explicaba ela nunha entrevista.

Deixámosvos un vídeo de Televigo no que ela recita a Martín Códax, Mendiño e Xohán de Cangas e as súas propias "respostas" a estes poemas con poemas seus:


11/05/15

Mapa de poetas

Queres saber se hai algún poeta preto de ti? De onde son eses que admiras?
Noelia Gómez elaborou este mapa da poesía galega a traves dos videos de lecturas realizados para a videoteca da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Nel pódese apreciar unha singular concentración de poetas na costa galega, así como a súa dispersión no rural. 

 


07/05/15

A poesía non é unha bomba...

A POESÍA NON É UNHA BOMBA...
de chumbo que estoupe nas túas mans.
Non me gustan os poemas rimbombantes.
A poesía non é o traxe de noite dos presumidos
que visten para parecer máis elegantes.
Non me gustan os poemas pretensiosos.
A poesía non é unha arañeira de palabras
pensada para esgotarte e adormecerte.
Non me gustan os poemas aburridos.
A poesía é o que ti queiras.
A poesía é o que desexas.
A poesía é liberdade.
Non me gustan os poemas rimbombantes,
pretensiosos, aburridos.
Non me gustan.
Non me gustan.

Fran Alonso. O meu gato é un poeta. Vigo: Xerais, 2011.

29/04/15

Eu en ti

Poema de Celso Emilio Ferreiro musicado por Cristina Pato e Mutenrohi:


Eu en ti

Eu xa te busquei
cando o mundo era unha pedra intaita.
Cando as cousas buscaban os seus nomes,
eu xa te buscaba.

Eu xa te procurei
no comezo dos mares e das chairas.
Cando Dios procuraba compañía
eu xa te procuraba.

Eu xa te chamei
cando soio a voz do vento soaba.
Cando o silenzo chamaba polas verbas,
eu xa te chamaba.

Eu xa te namorei
cando o amor era unha folla branca.
Cando a lúa namoraba as outas cumes,
eu xa te namoraba.

Sempre,
dende a neve dos tempos,
eu, na túa ialma.

Celso Emilio Ferreiro (1991) O soño sulagado (Vigo: Edicións Xerais de Galicia)

23/04/15

Feliz Día do Libro!



Los libros son una especie de árboles con hojas
que en lugar de primaveras tienen cuentos.

Los personajes duermen ahí hasta que un día alguien
abre el libro, comienza a leer y los personajes se levantan,
estiran sus vestidos y empiezan a trabajar:

Había una vez una princesa
que caminaba al revés.
Había un espejo de agua
y había un marino inglés.

                       Mª José Ferrada, de El lenguaje de las cosas


Biblioteca do CPI da Ribeira
365 días do libro cada ano

18/03/15

"Dechado frente al mar"

Onte dedicamos a entrada diaria do blog á penosa situación actual do galego e ás traducións indiscriminadas que fai a prensa do que é, ou debería ser, intraducible. Hoxe queremos completar a denuncia da man de dúas poetas que xa estiveron con nós: María Lado e Lucía Aldao.

Neste vídeo tedes a versión que fan de "Deitado frente ao mar", de Celso Emilio Ferreiro, chea de humor e ironía, retratando e denunciando o suposto "bilingüísmo harmónico" que se dá en Galicia. Debaixo do vídeo tedes o poema de Celso Emilio, que xa coñecedes: unha defensa contundente da nosa lingua, da lingua nai.




Deitado frente ao mar...

Lingoa proletaria do meu pobo
eu fáloa porque sí, porque me gosta,
porque me peta e quero e dame a gaña
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sin raíces
que ao pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos do lingoaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.


Eu fáloa porque sí, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingoa.


Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruís e poderosos,
non falo pra os finchados,
non falo pra os valeiros,
non falo pra os estúpidos,
que falo pra os que agoantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotidián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ise camiño...

Celso Emilio Ferreiro (1978): Obra completa, I (Madrid: Akal editor)

13/03/15

Penúltimas tendencias - Páx. 99

NEGRO, Carlos. Penúltimas tendencias. Vigo: Xerais, 2014. ISBN 978-84-9914-607-2.

Contracuberta:

Este é un libro de versos que rompen as costuras do silencio; un álbum secreto para todas aquelas mozas que procuran una fenda nos valos, máis alá da gaiola rosa dos contos de princesas; un diario onde unha adolescente convulsa e opaca atopa a voz que nunca tivo. Porque medrar é aprender a fuxir da ditadura dos espellos. 
Non agardes máis: entra nun universo onde non todo vai ser fashion & cool & chic & sexy.

(Dado o baixo número de páxinas do libro, nesta ocasión reproducimos unha páxina distinta á 99).

" Trucos de autodefensa persoal

Cando se cruza comigo no patio
e percibo a baba dos seus ollos
pousados como lesmas nos meus peitos
gustaríame ser salvaxe e libre
como Beyoncé cando canta e baila
e dun golpe violento de cadeira
shake it up, baby, shake it up
mandalo lonxe da miña vista,
a un lugar perdido da galaxia
onde o desexo non cheire a sangue
nin deixe na pel un rastro visguento
que non sae nin con sales de baño
nin co estropallo verde dos cacharros".

Le aquí unha entrevista co autor falando deste libro.

03/02/15

Ovella descarreirada



 ALEIXANDRE, Marilar. Ovella descarreirada. Vigo: Xerais, 2014.












ovella descarreirada
eu son a ovella negra
     e descarreirada
a sardiña que medrou de máis
e trinca a cola dos tiburóns
a que se empeña en tarefas inútiles
colle auga en cestos
e fai rabos ás culleres

a que corrica en sentido contrario ao rabaño
a que renega das tradicións
e desafina no coro
a que esquiva o sol que máis quenta
fai oídos xordos cando cacarexa a pita
ou o río roxe
e deixa rabiños sen esfolar

a ovella que non vai á noite para a cortella
a que non é caladiña nin mira baixiño
e ri a destempo
a que lles conta ás nenas que os bicos con lingua
     son máis saborosos
e anda a rolos no herbal
sen coidarse da súa reputación
a que non ten vergonza
de ser unha ovella
     descarreirada

18/11/14

Números

Saberás dicirnos de que número fala este poema? ;-)

Números

De los números naturales
sólo pocos se destacan,
particularmente notables
que a otros números opacan.

Números primos, cuadrados perfectos
son ejemplares singulares
de numerales selectos,
de inolvidables propiedades.

Y entre los números importantes
no soy yo la excepción,
seguro que me has visto antes,
pero ahora adivina quién soy.

Pues si mi propia raíz cuadrada
a mí mismo me restan,
por una gracia solo a mí reservada
el resultado es justo treinta.

08/10/14

Colgan nos arbres sonetos


Eu atopei un soneto
escrito por unha man
descoñecida.
Lino en voz alta.
As árbores aplaudiron.
Cada verso semellaba unha sonata.
Catorce sonatas no piano
da miña voz.
Chopin faloume ao oído.
Tecín unha obra marabillosa:
música e voz eran o mesmo.
Curioso.
Das árbores colgan sonetos
e sobre as ponlas dormen sonatas.
Eu o que fixen foi espertalas.
Nin máis.
       Nin menos.

                 Eduardo Blanco Amor
Imaxe: bottup.com

18/06/14

derrotas domésticas, de Marilar Aleixandre

derrotas domésticas


debeu ser moi difícil
degolar as anguías
sen cortar os dedos
arrandearte para que non te cubrisen
as escamas do ollomol
liscar do nó corredío das sabas

nas noites opacas
que batallas contra os garavanzos
medrando disformes na agua     que absurda tarefa
escoller lentellas de arroz
que impotencia
cando o leite fervido vai por fóra
inevitablemente

e se o batifundo das tixolas
non che deixaba oír a música
se o teu francés e alemán
eran inútiles contra a graxa nos fogóns
se os tubos de agua berran como nenos
ou gaivotas     e as patacas se pegan
no fondo da tarteira

nai
¿como é que estás sorrindo nas fotos?

Marilar Aleixandre
Catálogo de velenos, 1999

Fotografía de Marilar Aleixandre: blog da biblioteca de Viós

16/06/14

Gallegos de lluvia y calma - Homenaxe a Miguel Hernández no CPI da Ribeira

No curso 2010-11, a profesora Mar Cuba púxose á fronte dun proxecto que involucrou a todo o centro e a varias persoas de fóra del: unha grande homenaxe a Miguel Hernández no centenario do seu nacemento.
Xa naquel momento pudimos todos ver unha parte do resultado daquel traballo, pero hoxe, por fin, presentamos o vídeo completo.
Tedes que saber que o equipo da biblioteca síntese moi orgulloso de todos os participantes e moi contento de volver ver e escoitar a algúns alumnos que xa marcharon do centro e que son xa parte da súa historia.

Moitas grazas, profe Mar, por ser capaz de mover montañas e conxurar ilusións.

15/05/14

14/05/14

Penélope, de Xosé María Díaz Castro

Este é un dos poemas máis famosos e máis traducidos de Xosé María Díaz Castro:


Penélope

Un paso adiante i outro atrás, Galiza,
i a tea dos teus sonos non se move.
A espranza nos teus ollos se esperguiza.
Aran os bois e chove.

Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mól coma unha uva.
Pro tí envólveste en sabas de mil anos,
i en sonos volves a escoitar a chuva.

Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, Xesús María!,
e toda a cousa ha de pagar seu desmo.

Desorballando os prados coma sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
Un paso adiante i outro atrás, Galiza!



Penélope, de Xosé María Díaz Castro. Obradoiro de plástica as Barxas. Animación de Paula Solla,1º Bach