Poemaa
Foi por non decatarme a tempo de que quería que o meu poema
soubese a churrasco,
que houbo que agardar ó final da tardiña
para confirmar tema e intencións.
O verán e os versos
pídoos todos sempre con moita carne.
O día enteiro sen deixarnos,
e con torpeza e indignada
deixei que a aldea toda se me fose metendo nos pulmóns.
Eu con fame non sei escribir,
pero ocórrenseme moitos versos...
E foi comezar a ver en rigoroso directo os primeiros pasos da cea
para que o fume rico ese
chegara a estas páxinas bastante antes ca min.
Que detallazo.
Que agradecido o vicio este
que me permite facer saliba e facer poemas
mentres se van facendo as brasas.
..................
Eu mordo o bolígrafo en plan metáfora de fame
e achegándome á mesa, miña musa,
comprobo como a ensalada de tomate lle ha de facer tanto ben
ó meu poema coma ó churrasco.
Saboreo cada anaco deste verán que non comeza.
Son quen de comer en proporción ó que te boto de menos.
Poema nacido dunha costela (de porco).
ALDAO, Lucía. "Poem(aaaaa)s". Galicia Hoxe. Revista das Letras: 734, 1-8
Ningún comentario:
Publicar un comentario