Amosando publicacións coa etiqueta vídeo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta vídeo. Amosar todas as publicacións

01/06/15

Le petit chef: animacións proxectadas

Le petit chef é unha animación que se proxecta sobre as mesas dun restaurante. O resultado é espectacular e fai que esperar pola comida sexa un pracer. Os creadores da proxección fan outros tipos de proxeccións adaptadas á clientela. Xa sabedes: cando teñades algunha comida importante, podedes contratar os seus servizos!


Le Petit Chef from Skullmapping on Vimeo.

28/05/15

Unha ducia + de momentos de Eurovisión

Co gallo da celebración do Festival de Eurovisión o pasado sábado, Modesto del Río publicou un artigo en Praza.com sobre unha ducia de momentos eurovisivos con algunhas das mellores cancións, anécdotas, personaxes e estrelas que o festival amosou nos seus máis de cincuenta anos de historia. Cada "momento" inclúe un vídeo. Podedes velo todo nesta ligazón.

Para completar a entrada, deixámosvos o vídeo da actuación gañadora, cuns espectaculares efectos visuais e de animación:


22/05/15

Actuación dos Chavellos no centro

Os Chavellos de Pereiras (Mos) estiveron con nós esta semana na que celebramos o Día das Letras Galegas. 
Deixámosvos algún recordo da súa actuación e a letra da última canción que cantamos: "Manuel, Manueliño".











Manuel, Manueliño
Manuel, Manueliño
Manuel, peito de cera
quen me dera ser lume
que o teu peito derretera.

Manuel, Manueliño
Manuel con cara de rosa
lévame os bois a beber
á fonte da Ramallosa.

Manuel, Manueliño
lévame os bois a bebere
pola nai que te pariue
volveremos a traelo.

Manuel, Manueliño
Manuel da Rúa Alta
moito te queren as mozas
porque lles tocas a gaita.

21/05/15

Tráiler de Del revés

Del revés (Inside out), a nova película de Pixar, recibiu unha grande ovación do público no Festival de Cannes. Del revés é unha peli de animación que profundiza nas emocións que sentimos e, polo que se ve no tráiler, promete ser divertida.
Aquí vos deixamos o tráiler á espera de que podamos vela enteira:


19/05/15

María do Carme Kruckenberg



A pasada fin de semana faleceu en Vigo a poeta María do Carme Kruckenberg. Segundo a Wikipedia, María do Carme estudou pola súa conta, tras pecharse o Colegio Alemán de Vigo, idiomas, historia, ciencias, literatura etc., converténdose nunha autodidacta. Viviu en Arxentina de 1949 a 1953, onde coñeceu a moitos escritores galegos emigrados e arxentinos. De novo en Madrid, participou nas reunións do Café Gijón, coñecendo a Lorca, Alberti, Borges... Posteriormente, tras volver a Galicia, traballou como delegada científica nos Laboratorios Servier.
Autora de poemas, contos e tradutora, colaborou con diversas revistas e diarios, sobre todo en Faro de Vigo. Foi, entre outros premios, recoñecida co Premio Alecrín 1997, a Medalla de Galicia (bronce) en 1998, a Medalla Castelao en 2002 e o Premio Laxeiro en 2011. En 2006 foi nomeada socia de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega, entidade da que foi vicepresidenta. En 1999 dedicóuselle unha praza en Vigo.

"Monumento Kruckenberg Vigo" por Albert galiza - Obra propia. Baixo a licenza CC BY-SA 3.0 a través de Wikimedia Commons

Con esas poucas palabras da Wikipedia estamos a falar dunha muller que foi exemplo para moitas e para moitos, unha muller valiente e libre, cercana e sinxela, pouco amiga dos convencionalismos.

"Os poemas nacen e se constrúen dentro de min e podo estar compoñendo durante moito tempo antes de escribir un só verso; mais cando sento a escribir fágoo cunha sorte de febre que me posúe", explicaba ela nunha entrevista.

Deixámosvos un vídeo de Televigo no que ela recita a Martín Códax, Mendiño e Xohán de Cangas e as súas propias "respostas" a estes poemas con poemas seus:


12/05/15

Chema Madoz: regar lo escondido



O fotógrafo español Chema Madoz é especialista en atopar o extraordinario dentro do ordinario. A súa obra, pura poesía visual, obtivo o Premio Nacional de Fotografía no ano 2000.


13/04/15

Pelexas científicas


Proyecto G Televisión son os autores desta divertida animación en vídeo que nos presenta a pelexa que houbo entre T. A. Edison (defensor da corrente contínua) e Nicola Tesla (defensor da corrente alterna), protagonistas da "guerra das correntes" a finais do século XIX.

No canal youtube de Proyecto G Televisión podes ver máis pelexas científicas e outros moitos vídeos interesantes sobre ciencia.




18/03/15

"Dechado frente al mar"

Onte dedicamos a entrada diaria do blog á penosa situación actual do galego e ás traducións indiscriminadas que fai a prensa do que é, ou debería ser, intraducible. Hoxe queremos completar a denuncia da man de dúas poetas que xa estiveron con nós: María Lado e Lucía Aldao.

Neste vídeo tedes a versión que fan de "Deitado frente ao mar", de Celso Emilio Ferreiro, chea de humor e ironía, retratando e denunciando o suposto "bilingüísmo harmónico" que se dá en Galicia. Debaixo do vídeo tedes o poema de Celso Emilio, que xa coñecedes: unha defensa contundente da nosa lingua, da lingua nai.




Deitado frente ao mar...

Lingoa proletaria do meu pobo
eu fáloa porque sí, porque me gosta,
porque me peta e quero e dame a gaña
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sin raíces
que ao pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos do lingoaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.


Eu fáloa porque sí, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingoa.


Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruís e poderosos,
non falo pra os finchados,
non falo pra os valeiros,
non falo pra os estúpidos,
que falo pra os que agoantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotidián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ise camiño...

Celso Emilio Ferreiro (1978): Obra completa, I (Madrid: Akal editor)

24/02/15

Eu son Rosalía!

CC BY-SA Elba Fernández

Tal coma as nubes
Tal coma as nubes
que leva o vento,
i agora asombran, i agora alegran
os espacios inmensos do ceo,
así as ideas
loucas que eu teño,
as imaxes de múltiples formas
de estrañas feituras, de cores incertos,
agora asombran,
agora acraran,
o fondo sin fondo do meu pensamento.
                         Rosalía de Castro. Follas novas (1880)


A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega convoca unha vez máis á celebración do Día de Rosalía, concidindo coa data do seu aniversario, o 24 de febreiro. #eusonRosalía! inunda a rede de actividades arredor da escritora e enche o aire cos seus versos nas voces de grandes e pequenos.






02/02/15

Que é unha muller atractiva?


É moi doado darse conta de como cambiou o concepto de beleza feminina ó longo da historia vendo cadros de distintas épocas. O que hoxe consideremos unha muller "atractiva" non sería tal para Rubens... e viceversa.

BuzzFeed está propagando por internet este vídeo que resume as características da beleza (corporal) feminina dende o Antigo Exipto ata hoxe. Nel aparecen once modelos que exemplifican o canon de beleza:
  • Antigo Exipto: delgadez, ombreiros estreitos, cintura alta, rostro simétrico
  • Grecia Clásica: corpo repoludo, pel clara
  • Dinastía Han (China): cintura estreita, pel clara, ollos grandes, pes pequenos
  • Renacemento Italiano: peito amplio, estómago curvo, cadeiras recheas, pel clara
  • Inglaterra Victoriana: figura chea, cintura cinguida
  • Locos anos 20: peito plano, cintura inadvertida, corte de pelo "bob", figura masculina
  • Idade de Ouro de Hollywood: voluptuosa, silueta reloxo de area, peitos grandes, cintura estreita
  • Anos 60: delgada, pernas longas e estreitas, físico adolescente
  • Época das supermodelos: atlética, figura esvelta pero con curvas, alta, brazos torneados
  • “Heroin chic”: extremadamente delgada, pel translúcida, andróxina
  • Beleza postmoderna: ventre plano, pel saudable, grandes peitos e traseiro, “thigh gap” (espazo entre os muslos coas pernas xuntas)


Non esquezamos, pois, que a beleza é algo relativo e que para gustos, cores ;-)

Fonte: El País

15/01/15

4' 33"

John Cage, nado en 1912, foi un compositor de música clásica que rompeu bastantes moldes. A Wikipedia di de el que foi compositor, instrumentista, filósofo, poeta, artista, pintor e recoletor de setas.
Foi pioneiro da música aleatoria, da electrónica e do uso "raro" de instrumentos musicais (como o piano preparado, con obxectos inseridos entre as cordas).

Unha das súas obras máis coñecidas e máis controvertidas, e citada por Marcos Calveiro na entrevista que publicamos onte, é 4' 33" (o título representa a duración da peza). A primeira vez que se interpretou en público montouse unha boa na sala da concertos: todo o mundo empezou a asubiar, berrar... sentíndose estafados ou pensando que lles estaban a tomar o pelo. Aquí vos deixamos esta sorprendente obra a ver que pensades vós ;-)

Tedes que saber que hai unha app para o iPhone que vos permite interpretar esta peza con toda comodidade. e apps para iPhone e Android para interpretar as pezas para piano preparado. Podedes descargalas da web oficial de John Cage.



28/10/14

O punto

Vídeo con texto e imaxes do libro El punto de Peter H. Reynolds, con música de Yiruma (River flows in you)