05/04/13

2044 - Páx. 99

SANTIAGO, Eduardo. 2044. Vigo: Galaxia, 2011. ISBN 978-84-9865-384-7.


Contracuberta:
Ano 20444. Achégase o aniversario de Lena. Cal será a sorpresa preparada para os seus amigos e amigas polo seu pai? Cada ano sorpréndeos dun xeito diferente. Pero o que vai pasar este ano ninguén pode imaxinalo… de feito, incluso pode ser que todos perdan a vida. 2044 é unha novela futurista que nos mergulla nun universo de realidade virtual no que para sobrevivir, os protagonistas van ter que descifrar o estraño significado dunhas pistas e enigmas baseados en números realmente misteriosos. Unha novela de intriga nun universo probable que pode chegar a ser tremendo. Os protagonistas non saben onde remata a realidade e comeza o universo virtual… Ti, verás que tampouco.

—E por iso son tan bos. No SAEC dende logo que non queda nin rastro, pero no disco duro si. O que pasa é que dende o SAEC non se pode acceder aos discos duros persoais, por iso queda todo na intimidade de cada quen. Pero no caso de Mara, eu tamén formo parte da intimidade. E eu teño acceso tanto ao SAEC coma ao disco duro. Lembra que o sistema informático desta casa está deseñado… e controlado por min.
—Ou sexa: que nos espías!
—Ti cres que necesito espiarvos?
Pai e filla míranse en fite. Están de pé, tan só separados polo ancho da mesa. Os pratos medio baleiros. O pai apóiase no antebrazo esquerdo. Na outra man sostén os pauciños chineses que usa para comer a ensalada. Lena deixa o coitelo e o garfo no bordo do prato. As palmas das mans sobre a mesa, o torso inclinado cara adiante. Ambos os dous saben cal será a resposta, pero ela mantén a mirada firme do seu pai, desafiante.
—Non. Supoño que non.
O pai baixa a mirada cara ao prato. Move os pauciños coa axilidade dun chinés para levar á boca unha folla de leituga e un toro de remolacha.
—E como? Non estás segura?
—Ben! Si. —Volve coller o coitelo e o garfo e parte unha albóndega en catro anacos—. O que non entendo é: se xa sabes que Mara fai trampas, por que llo permites? É dicir, non che importa?
—Non. Ao contrario. Paréceme unha solución moi enxeñosa para acurtar tempo. Porque as ligazóns hai que sabelas utilizar. Teño visto por aí algún programa que a máis dun lle estragou o traballo de toda unha quincena. Mara utiliza ligazóns para aforrar tarefas innecesarias, repetitivas, que non teñen outra función máis que a de afianzar os coñecementos polo método de exercitalos. Para as nocións fundamentais segue o procedemento habitual. A túa irmá non é tan inxenua como ti cres. De feito ata agora vaille moi ben.
—Ou sexa, que eu tamén conto co teu permiso para empregalas!
—Filla, ti non necesitas o meu consentimento para iso! Aínda que dubido que te atrevas a facelo.
—Ai, si! E por que? Por que Mara si e eu non?
—Non te anoxes, muller! Por min podes facer todo o que queiras. Pero coñézote ben. Sei que non te sentirías segura utilizando un deses programiñas ou unha das ligazóns de Susana. A ti gústache telo todo controlado. Xa te vexo analizando e comprobando se a ligazón levou a cabo todas as operacións correctamente. Co cal, en lugar de simplificar, duplicarías as tarefas. Sabes que as ligazóns son son infalibles. Hai que usalas con moito xeito. Mara arríscase a que en calquera momento lle sexa rexeitada algunha tarefa e despois terá que refacelo todo. Ti arriscaríaste?


Ningún comentario: