Premio Merlín de Literatura Infantil, 2013
Contracuberta:
Buto, o zapateiro, conta a historia do seu amigo Baltasar, un rapaz de once anos, cego de nacemento e orfo de nai, que vive coas súas tías, Olegaria e Berenguela, dúas xemelgas moi antipáticas e un pouco malvadas. Acompañado do seu can, Barriga Branca, Baltasar vende na praza dos Zoqueiros soldadiños e bailarinas de madeira
—Baltasar, rapaz —era agora Olegaria quen lle bisbaba melindrosa—, un home da televisión estivo na mercería esta mañá para ofrecernos unha entrevista.
—Unha entrevista? —preguntou Baltasar.
—Así é. Pastora R. Caínzos devece por sacarte esta noite en horario de máxima audiencia.
—Non e non! —negou rotundamente o neno—. Non quero saber nada máis do asunto ese da Lúa.
—Ti farás o qeu nós che digamos! —exclamou a súa tía, esquecendo o ton doce duns segundos antes—. Ou quen pensas que es, lampantín?
—Sabes a cantidade de cartos que están dispostos a pagar? —preguntou agora Berenguela, achegándose tanto ao seu sobriño que lle cuspía na cara ao falar—. Sabes o ben que nos viría ese diñeiro para podermos reformar o negocio?
—Considera isto como unha oportunidade qeu o destino che dá para compensar todas as molestias que nos tes causado —díxolle Olegaria, xa sen berrar, mais mantendo o ton ameazante.
Baltasar ouviu como as Carabullo lle retiraban o prato da mesa e saían do salón. Apenas un par de minutos máis tarde o troupeleo dos seus zapatos sobre o chan de madeira anunciou a súa volta á estancia".
Ningún comentario:
Publicar un comentario