18/10/13

Todos somos - Páx. 99

CALVEIRO, Marcos. Todos somos. Vigo: Xerais, 2013. ISBN 978-84-9914-536-5

Contracuberta:
Dende a desaparición de Natalia os pais de Antón xa non lle deixaban baixar o lixo á noitiña. Parecía incríbel que a súa vida, a vida de todos eles, dese un xiro tan brusco e dramático en tan pouco tempo. As cousas andaran nas mans do demo dende que a nova da desaparición de Natalia, compañeira de clase de Antón, correra como a pólvora por toda a praza da Bichoca. O sábado, ao día seguinte de desaparecer, xa o sabía todo o mundo. Mais foi o domingo cando todos foron conscientes da brutal realidade e de que a cousa ía en serio.

"Lina Souto ollou pola fiestra e viu varios coches de policía e unha ambulancia. Tamén había un lote de curiosos, ciclistas, corredores en roupa deportiva, xubilados ociosos e paseantes de cans.
—Déixeme aquí.
Lina Souto, xenerosa, deixoulle un billete ao taxista e baixou sen recoller a volta. Dirixiuse á entrada e amosoulles o carné aos policías que vixiaban a entrada do parque. Comezou a andar cara á beira do río. As augas baixaban atoldadas polas chuvias que caeran de madrugada.  Axiña descubriu a súa parella de policías favoritos, Hernández e Fernández, e sorriu. Nada máis vela, achegouse.
—Que, foi boa onte? —chanceouse Hernández ao verlle o rostro.
Lina ignorouno e dirixiuse ao policía novo.
—Conta —apupouno.
—O móbil é o da rapaza, comprobámolo polo número de serie malia non ter a tarxeta. Semella limpo, nin pegadas nin restos biolóxicos. Ademais, esta noite choveu moito —aclarou Fernández.
—E o rapaz?
—Parece que non ten nada que ver. Vén facer footing todos os domingos. Achouno e meteuno no peto. Logo, cando viu os policías que facían preguntas durante a batida a todos os habituais do parque, o pasmón del asustouse e tentou fuxir.
—Onde vai?
—Mandámolo á comisaría para que lle tomasen declaración.
—E o lugar?"


Ningún comentario: