04/10/13

Os fillos do mar - Páx. 99

FEIJOO, Pedro. Os fillos do mar. Vigo: Ed. Xerais, 2012. ISBN 978-84-9914-346-0.

Contracuberta:
Simón Varela é un mediocre arquitecto residente en Vigo. Un día recibe unha chamada dunha señora da alta sociedade viguesa, Isabel Llobet, para que lle faga unha reforma dunha fonte da súa propiedade, nun pazo de Canido. Aos poucos días de comezar a reforma, Simón atopa un cofre pechado. Simultaneamente, a señora, xa maior, morre en estrañas circunstancias. A partir de aquí, o arquitecto vese involucrado nunha intrigante trama na que tamén parece estar envolta a familia da muller morta.
Novela de aventuras, novela de intriga, escrita con ton humorístico, a acción de Os fillos do mar condúcenos detalladamente a través do Vigo de hoxe, cidade que en boa medida protagoniza tamén a novela. Ao tempo, a traba cóbrese cun atractivo pano histórico que nos conduce ata 1702, na Batalla de Rande, aínda que deixa tamén os seus elos na Guerra Civil española e nos tempos do nazismo alemán.
Os fillos do mar é unha novela trepidante, que viaxa constantemente no tempo para atopar as claves dun presente que o protagonista precisa desvelar.


"—Xa, xa. Pero o certo é que non era a miña intención meterme nas vosas cousas. Ben, de feito, a verdade é que aínda agora sigo sen ter nin idea de que pintaba eu no medio de toda esta historia —sincereime.
—Ben, pintabas o que a miña nai considerou oportuno, non? Á fin e ao cabo, ti tamén es herdeiro seu, non é?
O comentario de Mariña recordoume que aínda levaba no peto interior da miña americana un sobre ao meu nome extraído daquela misteriosa caixa. E tamén me recordou a miña convicción de que era imposible que fose vontade da súa nai que eu estivese hoxe alí.
—Si, ben, iso é verdade —mentín agora eu—. Pero entende que eu non o acabe de comprender demasiado ben. Non sei, nesa fin e nese cabo que ti dis, eu non son máis que un arquitecto corrente contratado hai un par de días, coma quen di, pola vosa nai. E a ti, a vós, eu non vos coñecía de nada até a semana pasada. E por se isto fose pouco, agora o señor Rovira vólveseme tamén misterioso… Pero por iso estaba eu alí, a carón da porta. Só agardaba por el. Sentíame coma un peixe fóra da auga, e non sabía onde poñerme, pero a miña intención non era a de escoitar a vosa conversa.
—Xa che dixen que non tes que te preocupar por iso. Pero dime algo, a que te refires con que agora Ernest tamén se che volve misterioso? —Mariña parecía agora intrigada polo meu comentario.
—Ben, non sei. Quíxenlle falar disto mesmo, de que non entendía demasiado ben por que estaba eu alí —de novo volvía mentirlle a Mariña; pensei que non ía ser moi boa idea falarlle así, de entrada, das miñas sospeitas sobre o secretario—. Pero de súpeto toda aquela amabilidade súa desapareceu. Díxome que reflexionase ben sobre o encargo da túa nai, e deixoume alí, pampo. Non sei, Mariña, ao mellor é verdade que hai algo do que non me estou a decatar —nese momento pensei en que quizais o sobre contivese algunha explicación, algo de luz sobre este vurullo—, pero o certo é que me sinto bastante perdido no medio de toda esta historia".

Reportaxe "Un Vigo de novela": os escenarios que aparecen en Os fillos do mar, da man do seu autor.

Entrevista co autor en Onda Cero Radio.

2 comentarios:

Anónimo dixo...

Recoméndovolo, hai pouco que o lin, e realmente, nada que envexar a novelas do mesmo estilo estranxeiras e con máis tirada. Se che gusta a novela que mestura historia e acción, anímote a esta lectura, que por certo faise moi amena, sinxela e rápida... e desas novelas que comezas e non podes deixar de ler... saúdos.

osquelemos dixo...

Gracias pola túa opinión, Anxo! Coincidimos totalmente contigo. Despois de lelo, eu xa non podo pasar por certas zonas de Vigo sen lembrarme da novela :-)
Saúdos!