"O Quirze pequeno non dixo máis nada. Saltou da ameixeira e anoxado foise para a casa. A Choricas seguiuno e despois baixei eu. Púxenme a carón da cumá, pasos atrás do Quirze pequeno, e díxenlle en voz baixa:
— Ti sabes quen é e por que lle teñen tanta xenreira?
— Non o sei —agachou os ombreiros ela—. Só o vin un par de veces e xa está.
— Onde o viches?
— Aquí e na vila. Un día veu aquí e todos discutiron moito e cando marchou todas as mulleres choraban. E outro día vino nun bar da vila xogando ás cartas.
— É da vila?
— É do campo. De La Coromina.
— Como é?
— Louro. É alto e louro.
— E por aquí, pola masía, só o viches unha vez? Que veu facer?
A Choricas acenou que non coa cabeza. Dixo:
— Cando eu vin para vivir aquí, el xa non viña. Vino a última vez que veu, e como discutiron, xa non veu máis.
Non o acabei de entender ben.
— Queres dicir que antes viña a miúdo?
Ela encolleu os ombreiros. O Quirze pequeno agardaba por nós no portal da casa cos caldeiros do farelo nos pés e os candís de aceite ou de carburo nas mans para que o acompañásemos á corte a encher as maseiras dos cochos, e eu non dixen máis nada. Mentres o Quirze pequeno esparexía o farelo, a Choricas e mais eu corriamos pola corte e xogabamos a facer sombras cos candís, e cambiaban de forma e parecíanse a un cabalo ou a unha cabeza de morto ou a un trasno, a Núria vía trasnos por todas partes.
— Onte á noite volvín ver o trasno… —confesoume a Choricas en voz baixa, para que o Quirze pequeno non nos oíse, mentres sinalaba a sombre que ía movendo na parede.
— Ah, si? —a min divertíanme os medos e as aparicións da Choricas, tanto como amolaban o Quirze pequeno, que non quería oír falar destas cousas excepto cando era só motivo de xogos e corredelas—. Onde o atopaches? Viuno a avoa tamén, ou víchelo ti soa?
— Eu soa, ía ben soa…"
Crítica en "¡Ábrete libro!"
Ningún comentario:
Publicar un comentario