Contracuberta:
Tras unha día de galerna, Cidade Vii foi invadida por un exército adestrado para conseguir unha cidade perfecta. Aqueles soldados altísimos de uniforme negro e cabeza de lobo peiteaban o territorio, rexistraban cada casa, non deixaban nada ao chou. Tiñan instrucións moi claras que cumprir: colleren aqueles que perturbaban o equilibrio social, ás persoas consideradas diferentes, metelas nos camións e trasladalas a Recinto Gris, un lugar habilitado para aloxar os que non encaixaban no seu deseño. Aqueles soldados lobos presentáronse na casa de Nube, unha rapaza incapaz de mentir, coa intención de levala.
"—É esta. Non hai dúbida.
Apagaron a luz e trataron de recompoñer a porta, pero estaba rota. Á mínima refolada de aire, abriríase por completo revelando que alguén entrara no almacén.
—En canto se decaten de que alguén entrou aquí, rexistrarán todos os barracóns —dixo Mun—. Non sei como imos saír desta.
Naquel momento eran as tres da madrugada.
—É mellor volver e non seguir tentando a sorte, albino. Xa se nos ocorrerá algo. Quedando aquí non solucionamos nada.
Apenas deran uns pasos cando o Lince pisou algo brando medio enterrado entre a lama. Agachouse para velo máis de preto e quedou paralizado por un instante. Co estómago encollido, permaneceu fitando cara ao chan. Podía escoitar os latexos do seu propio corazón rebentándolle o peito. Bum-bum, bum-bum, bum-bum...
—Que pasa, Lince?
El non contestou. Agarrou coas dúas mans aquilo que atopara e levantouno no aire. Mun, que estaba uns pasos máis adiante, non alcanzaba a distinguir o que o compañeiro sostiña, mais polo misterioso silencio do Lince sabía que algo estaba pasando. Achegouse a el ata que aquela cousa foi tomando forma concreta. Cando tivo a seguridade de que aquilo era o que semellaba, sentiu arrepíos. Logo, ese sentimento deu paso ao noxo. E finalmente o temor invadiuno por completo. O que Lince sostiña entre as mans era unha enorme cabeza de lobo gris".
Le unha entrevista coa autora.
Ningún comentario:
Publicar un comentario