ALFAYA, An. O fío vermello. Vigo: Xerais, 2014. ISBN 978-84-9914-632-4.
Contracuberta:
A Carlo e a Nicola, dous irmáns inseparables, gústalles pescudar no
firmamento, sobre todo a choiva de estrelas da noite das Perseidas.
Nicola, o maior, fíxose soldado, alistouse no exército profesional con
tan mala fortuna que o deron por desaparecido nunha misión humanitaria
na que participaba nun país en guerra. Dende entón, Melchor e Margarita,
os seus pais, non perderon nunca a esperanza de que algún día
regresase. Agardaban celebralo cunha torta de améndoas, a favorita de
Nicola, das que a avoa Natividade preparaba todos os días ao ritmo dunha
rancheira. Pola súa banda, Carlo tomou unha decisión: pecharíase na
terraza ata que volvese o seu irmán.
"—Ten coidado de non pisalo! —advertiulle Natividade—. Procura que non se che enrede nos pés ou nos mobles, e non deas tiróns! Se notas que o fío se tensa, detente e vemos o xeito de liberalo do atranco.
Carlos asentiu un chisco nervioso.
—Se vos parece ben, noméome exploradora xefa, e vós os dous sodes os exploradores axudantes da expedición —continuou resolta, e logo dirixiuse a Elisabeta, que levaba na man a lista cos nomes dos posibles escondedoiros, para preguntarlle—: Exploradora, primeira parada da busca?
—A bufarda, exploradora xefa —respondeu ela, seguíndolle o xogo.
—Fagamos revisión do itinerario. Obxectivos de inspección, explorador? —preguntoulle a Carlo.
—Falsa tella, táboa de madeira frouxa e libros vellos —respondeu Carlo sen dubidar.
—Ben, sigamos, exploradora, segunda parada?
—O soto, exploradora xefa.
—Obxectivos da inspección, explorador?
—Abrigo azul e maleta de coiro.
—Perfecto, exploradora, terceira e última parada?
—A vivenda, exploradora xefa.
—Obxectivos de inspección, explorador?
—Reloxo de cuco e gramófono.
—Pois non hai máis que engadir. Comecemos a expedición!
E os tres en fila india, exploradora xefa e exploradores axudantes, saíron da terraza, atravesaron a sala e iniciaron amodo o ascenso das escaleiras que comunicaban o andar coa bufarda.
Carlo aínda botou unha ollada atrás e faloulle a Parda no seu código secreto:
—Mágoa que non podas vir connosco!
E a tartaruga, tamén de xeito silencioso, contestoulle:
—Vai tranquilo, amigo, que eu quedo de vixía".
Ningún comentario:
Publicar un comentario