19/05/14

A Gran Mancha Vermella de Xúpiter

Imaxe obtida dende o Voyager I. NASA, Caltech/JPL


A Gran Mancha Vermella de Xúpiter é unha enorme tormenta gasosa ovalada cun tamaño que engloba o diámetro da Terra dúas veces e media. Na súa periferia hai ventos de máis de 400 km/h. Este vórtice anticiclónico (ou furacán) leva observándose dende o século XVII e por iso sabemos que vai variando de tamaño, forma e cor:




O certo é que dende principios do século XX ten menguado moito, como se aprecia nestas imaxes da NASA obtidas entre 1995 e 2014:


Os científicos din que no século XIX chegou a medir ata 41 000 km. En 1995 (primeira das tres fotos que están enriba destas liñas) medía 21 000 km de diámetro; en 2009, 18 000 km; en 2014, 16 500 km (o diámetro da Terra é de 12 742 km), o menor tamaño que se lle ten observado na historia.

O malo é que non hai explicación para este fenómeno, nin sabemos se algunha vez desaparecerá totalmente de Xúpiter, aínda que os científicos planean estudar a tormenta e o seu entorno para tentar comprender por que ocorre isto.


Ningún comentario: