23/05/14

A viaxe de Gagarin

FERNÁNDEZ PAZ, Agustín. A viaxe de Gagarin. Vigo: Xerais, 2014. ISBN 978-84-9914-668-3.

Contracuberta:
Doce de abril de 1961: o cosmonauta Iuri Gagarin convértese no primeiro ser humano en viaxar ao espazo exterior. Comezaba a era espacial, e tamén unha década que traería grandes cambios. Cincuenta anos despois, Miguel Mendiguren, un home na fronteira dos sesenta anos, mentres vela os días derradeiros da súa nai nun cuarto de hospital, lembra a proeza do cosmonauta ruso. Daquela el tiña dez anos e gañara un concurso escolar de redacción cun traballo sobre esa primeira viaxe espacial. A raíz diso, os outros nenos pasan a chamarlle Gagarin, un sobrenome que o acompañará durante toda a súa infancia e adolescencia. Mentres se apaga a vida da nai, Miguel lembra os seus anos mozos, na Coruña da década dos sesenta. Os seus rexentan unha imprenta e unha libraría de barrio, aparentan ser unha familia coma as outras. Mais esconden perigosos segredos que Miguel irá desvelando a medida que se abre á complexidade da vida. Unha vida na España desa época, coa ditadura de Franco e a represión das liberdades máis básicas, coa ameaza permanente da Brigada Político Social, a policía secreta do Réxime. E tamén coa oposición clandestina, barreira imprescindible contra a barbarie. Naquel tempo de mocidade, Miguel tamén experimenta a revolución interior que supón namorarse. O arrebato da paixón e a dor da ausencia, nunha relación marcada polas diferenzas de clase. Emocionante historia de amor, engaiolante novela de formación e da memoria, A viaxe de Gagarin confirma a Agustín Fernández Paz como mestre da narrativa do noso tempo.

"Don Adolfo, o profesor de Formación do Espírito Nacional, decidiu que dedicariamos o terceiro trimestre a estudar a fondo o Fuero de los Españoles e, sobre todo, os Principios Fundamentales del Movimiento, que cheguei a saber de memoria, tal como nos esixía. Non había clase en que non nos remachase que tales principios, «pola súa propia natureza, eran permanentes e inalterables ». A min aquilo non me cabía na cabeza. Como ían ser para sempre? Todo cambia co transcorrer dos anos, algún día habería que modificalos, era unha básica lei de vida.
Logo de varias semanas escoitando a mesma cantilena, un día atrevinme a responderlle. Estabamos nunha clase das de pola tarde, que adoitaban ser soporíferas. El pedira os nosos comentarios, e eu, incauto, erguín a man de primeiro:
—Profesor, iso que vostede di é imposible. Como van ser permanentes e inalterables?
Notei que todas as miradas se centraban en min, coma se un timbre inaudible espantase a modorra dos compañeiros, e ao momento lamentei non ficar calado como adoitaba. Sabía que aquel home era un dogmático, que o mellor era deixalo desafogar sen lle facer moito caso; ao cabo, para el era suficiente con que aparentásemos seguirlle o fío e non molestásemos na clase. Mais o mal xa estaba feito e non era cousa de volver atrás.
—Vostede explicounos que os Principios Fundamentales se promulgaron nunha lei de hai poucos anos, en 1958. E a min paréceme que nalgún momento terán que existir leis novas que os substitúan. En Historia estudamos que as sociedades cambian ao longo do tempo, mesmo que todas as civilizacións acaban por desaparecer nalgún momento. Se nada é inalterable, os principios tampouco poden selo.
Don Adolfo ficou calado, con expresión anormalmente seria. Para el debía de ser unha anomalía que alguén lle discutise as súas palabras, afeito como estaba a pontificar sen oposición ningunha. O sangue subíralle ao rostro e tiña as fazulas avermelladas. Mirei ao meu redor. Algúns compañeiros permanecían coa cabeza gacha, aparentemente concentrados nos apuntamentos do caderno que tiñan diante, mais outros ollábanme con simpatía, como invitándome a continuar".

Le aquí o primeiro capítulo do libro.



Ningún comentario: