CASTRO, Francisco. O corazón da branca de neve. Vigo: Galaxia, 2013. ISBN 978-84-9865-498-1.
Premio de Novela por Entregas 2013 de La Voz de Galicia.
Contracuberta:
Esta é unha novela policial e de suspense que xira arredor das pescudas
do inspector Hermida para atopar unha bebé roubada a unha rapaza
inmigrante. Mais é tamén unha novela arredor das bandas criminais que
fan negocio cos seres humanos. Polo medio, intriga e tensión narrativa
para unha historia que pode estar acontencendo agora mesmo en calquera
das nosas cidades. Un reto para un inspector canso e sagaz, ante o caso
máis difícil da súa carreira de investigador. O corazon da branca de neve recibiu o Premio de Novela por Entregas 2013 de La Voz de Galicia.
"O inspector Hermida saíu do elevador e percorreu diante da asistente e da intérprete os escasos dez metros que había ata a 202. Colleu con forza o pomo da porta e xirouno para abrila e permitir que elas pasasen diante. Por pedimento da policía, Leila non compartía cuarto con ningunha outra muller. A dirección do hospital non puxera problemas pois estaban afeitos a ese tipo de situacións especiais.
As mulleres pasaron diante e separáronse bruscamente, pois unha terceira pasaba entre elas ao tempo que emitía un lene e case que imperceptible "perdón". A muller inesperada saía, xa que logo, do cuarto de Leila. E saía, non había dúbidas, con moita présa.
O inspector Hermida entendeu que quen apuraba así, tanto como que viña de pegarlle un empurrón para apartalo, era unha "visita". Pero, obviamente, unha visita non podía ser.
Abondou con que cruzasen os ollos a asistente e el e que pregasen as cellas ao tempo, para se decatar de que tiñan que ir por ela e parala.
E iso fixo Hermida. Chamala.
—Espere!
A muller, sen volverse, non esperou. De feito, comezou a camiñar máis rápido. E daquela o policía, xa dende o corredor, berrou máis alto:
—Espere!
A muller —arredor de corenta anos, de costas; elegante, saia por riba dos xeonllos, chaqueta negra— comezou a correr. E, como nas peores películas de serie B da televisión, ao facelo, bateu contra dunha muller de uniforme verde que traía unha especie de carro grande coas comidas para as doentes. Hermida non o dubidou e púxose a correr detrás dela, ao tempo que lle daba, agora sí, o formal e regulamentario: "Alto, policía".
Si. Talmente parecía unha escena de serie de polis de clase B. Aínda que Hermida se sente de clase Z, porque, definitivamente, esa muller váiselle escapar. Hermida non é un policía preparado físicamente para o seu oficio. Está gordo, sóbranlle quince ou máis quilos, está bandulleiro e, por iso sente, ao correr —canto había que non corría el por nada?— o corazón bombeándolle directamente na gorxa, que non dá aberto para permitirlle a entrada ao aire que necesita para non afogar. E tan desesperado está, que solta un patético "deteñan a esa muller!", xusto no intre en que ela entra no elevador e este pecha, si, como nas malas series clase B, a porta diante dos seus narices".
Ningún comentario:
Publicar un comentario