Contracuberta:
Na pequena aldea de Devastana, Usha e as súas amizades regresan das vacacións cos nervios do último curso da primaria, ao final do cal terán que enfrontarse á temida reválida. Mais axiña a reválida pasa a un segundo plano, porque na vida hai acontecementos moito máis intrigantes ca un exame. Para empezar, Deepak non aparece por ningures. A seguir, Lakshmi deixa de súpeto de ir á escola. Será Usha quen de endereitar as cousas que semellan revirarse? As amizades vellas e novas, de lonxe e de preto, terán que axudar a Usha a facer fronte a todo tipo de desafíos.
"Había unha vez un boi que tiña uns cornos algo feos, non eran para nada deses fermosos, brancos e ben feitiños, lisiños e limpos para seren adobiados. Ao boi non lle importaba nada diso, andaba moi feliz facendo as súas cousas, tirando do carro polo campo, comendo herba, tirando do arado, comendo algo máis de herba. Ata que un bo día chegou un home e comezou a falarlle do mal que tiña os cornos, que aquilo non podía ser, que aqueles cornos había que limpalos e pintalos. O boi non era que precisase aquela enfeitura, pero o home díxolle que si, que era moi necesario para el ter os cornos pintados, que iso era o que facían os bois de prestixio e condición. Así que deixou que aquel home lle pintase os cornos. O home pintoulle os cornos e marchou. Efectivamente, quedaron moi bonitos, pero non pasou moito tempo ata que, por forza do traballo que facía, os cornos volveron quedar como estaban ao primeiro.
De alí a un tempo, pasou por onde estaba o boi unha muller e díxolle que lle ía poñer un chocallo ben bonito. O boi non soubo para que precisaba el un chocallo se nunca andaba lonxe da leiriña, pero a muller díxolle que iso era o que precisaba, que melloraría moito a súa vida, que lle axilizaría o traballo. E así foi que ao día seguinte apareceu co chocallo e púxollo ao boi, non sen antes lamentarse do triste estado dos seus cornos".
Ningún comentario:
Publicar un comentario