03/03/15

Salón do libro infantil e xuvenil de Pontevedra


Ata o 28 de marzo estará en Pontevedra, no Pazo da Cultura, o XVI Salón do libro infantil e xuvenil, dedicado este ano á ciencia e á ficción e a mestura de ambas. Convén visitalo? Que vas atopar alí? Que cousas se poden facer? A verdade é que o salón ten unha pinta moi, moi atractiva. O programa enteiro podes velo (ou descargalo) nesta ligazón, para que comprobes todo o que hai cada día. Pero para facerche a boca auga aí vai un pequeno adianto do que podes disfrutar se visitas o Pazo da Cultura:

 - OBRADOIROS: dado que o tema é a ciencia (e a ciencia ficción), hai obradoiros de maxia científica, de CSI (ou investigación científica), de arenoglifos (ou imitar os petróglifos con area), de creación de alieníxenas (ou exobioloxía), de inglés, das dificultades que atopan os astronautas, de como se fai un programa de televisión, de cupcakes e origami, dos efectos especiais das pelis, de ciencia ficción (zombies? exterminación alieníxena?), de robótica, de escritura medieval e de... moitas e moitas máis cousas!

- CONFERENCIAS E MESAS REDONDAS: gazapos no cine e na tele, ADN forense, a literatura infantil e os temas feos, a ciencia e a música, un viaxeiro que percorreu o mundo, a que altura está o ceo, xogos matemáticos, a cidade dos nenos... e moitas máis!

- ESPECTÁCULOS: a ciencia dos superheroes, a historia da electricidade, o cosmos, tecnomaxia... e por suposto concertos, teatro e cinema.

A listaxe de actividades, exposicións e obradoiros é interminable: visionado de estrelas, visita á Illa do Corvo, concurso de lanzamento de avións de papel, o corpo humano interactivo, os nenos soldado, os xogos da fame, obradoiro de cócteles sen alcol ou de stop-motion, encadernación e confección de globos aerostáticos, etc., etc., etc.

Vas deixar de ver aínda que sexa unha pequena parte de todo isto? De verdade? Pois nós, non.

Para rematar, dúas advertencias que podes atopar na web e no programa pero que cómpre salientar:
- AVISO 1: algunhas das actividades teñen prazas limitadas e hai que inscribirse antes. E algúns espectáculos son de pago, pero a maioría das cousas son de balde.
- AVISO 2: durante a semana, o salón só abre polas tardes (de 17 a 20.30); a fin de semana (e os festivos), pecha a mediodía e abre de 11 a 14 e de 17 a 20.30.

Ningún comentario: