06/03/15

O asasino bífido - Páx. 99

RIVEIRO, Breogán. O asasino bífido. Vigo: Ir Indo Edicións, 2001. ISBN 84-7680-369-9.


Contracuberta:

O asasino bífido preséntase como unha novela con todos os ingredientes básicos que definen o mellor relato policial. O seu autor, Breogán Riveiro, recolle o testemuño da novela negra americana e enche, deste xeito, un importante oco na literatura galega. Trátase dunha historia novidosa, abraiante e, á vez, real, adaptada ó ambiente urbano da cidade da Coruña, na que o lector descubrirá, no medio dun curioso transfondo lingüístico, como se desenvolve o seu protagonista, o inspector Luís Meilán, á hora de resolver unha serie de asasinatos que preocupan a opinión pública. Todos estes elementos mestúranse neste relato cheo de dinamismo, contrastes e humor, impregnado dunha tensión que vai in crescendo a medida que avanzan as súas páxinas. Esta narración foi finalista no premio Novela por Entregas de La voz de Galicia do ano 2001.

"Luís nunca sospeitara que existisen tantas empresas de dobraxe de películas. Suso sinalou as dúas ou tres máis importantes e comezaron a face-las visitas. Na primeira recibiunos o xerente, moi interesado en ofrece-los mellores servicios a aqueles homes que viñan de parte dunha coñecida empresa audiovisual.
—Precisamos unha voz moi especial —Luís presentárase coma o creativo da campaña publicitaria—. Ten que ser un home, de voz grave e fonda pero non vello. Aínda que tampouco xuvenil. Envolvente, agradable. E tamén que soe enxebre, do pobo.
—¡De seguro teremos o que vostede pide! —vendeulles o xerente.
Pasou a seguinte media hora poñendo gravacións de veces de actores de dobraxe, unha detrás de outra. Habíaas de moitas clases, pero o home non conseguía satisface-los clientes. O xerente nunca se enfrentara a un creativo tan tiquismiquis como aquel home de pelo loiro esvaecido e medio calvo.
—¡Pois non temos máis!— rematou desilusionado—. Pero eu creo que algunha destas podería valer perfectamente.
—Se cadra, si —dixo Suso—. Sería cuestión de axustalas un pouco. Estaremos en contacto —despedíronse.
Xa no coche, Suso burlouse de Luís.
—¡Pero home! ¿Pode saberse a que xogas ti? Se vas de creativo publicitario non podes ir así e falar desa maneira. De entrada tes que cambiar esa roupa.
Na seguinte entrevista Luís ía vestido cun traxe prestado de marca, sandalias de deseño e un pendente na orella. Suso tentara colocarlle unha coleta postiza, pero Luís negouse.
—Lembra —recomendou Suso antes de entrar—. Tes que falar como se fóse-lo oráculo do universo.
—Serei tan pedante coma un artista moderno.
—¡Moito máis! Os artistas polo menos teñen algo tanxible que vender. Os creativos publicitarios só se venden a si mesmos: venden fume.
O segundo xerente era un home gordo con aspecto triste. Recibiunos e someteunos á mesma tortura de escoitar un cento de voces de actores de dobraxe en diferentes spots publicitarios e actuacións. Outro intento errado.
A terceira entrevista era cunha muller que os fixo pasar a un pequeno estudio de gravación. Alí escoitou a súa petición e comezou a poñer outra quenda de voces. Ás veces escoitaban algunha nova, pero case todas eran xa coñecidas para Luís".

Ningún comentario: