04/12/13

Budiño canta Celso Emilio


BUDIÑO e LUIS TOSAR: "Hoxe Canto en Libertá"
-Música: BUDIÑO
-Voz: LUIS TOSAR
-Letra: CELSO EMILIO FERREIRO
-Gravación incluída no disco SOTAQUE de BUDIÑO

Máis na súa web

A letra desta canción contén dous poemas de Celso Emilio Ferreiro:

TI E MÁIS EU 

(Non falemos dos bobos
que tódolo adeprenden nos libros.
Non falemos dos parvos
con cara de domingo;
nin dos sapientes memos,
nin dos túzaros listos,
nin do eterno mal gusto
dos probes novos ricos).

Falemos de tí e min
xa que vivimos.

Tí i eu nos ventos
e nos solsticios.

Tí i eu nos bosques
e nos ríos.

Tí i eu, historia
de corpos nidios.

Tí i eu, saudade
de álbores íntimos.

Tí i eu sin tempo
polo tempo que imos.

Tí i eu cantando,
chorando e rindo.


SPIRITUAL

Cicais mañá
cando a miña mirada
non abrolle na luz
como cativa mapoula de auga,
veña a soedade.

Pero hoxe canto en libertá
e mentras canto
non estou isolado,
que o corazón vai comigo
e con il falo.

Beberei a paisaxe
nun amencer de lirios.
As campanas do mar
nos ventos fuxidíos.
Cada intre un paxaro,
cada pulso un latexo.
Unha espada de chuvia
cortando a frol do vento.

Nin as olladas torvas,
nin os beizos esquivos,
nin as voces nemigas
nin os homes cativos.

Vivirei coma o lume
alcendido na noite.
Terei cumios de estrelas,
cantarei para os homes.

Estou comigo mesmo.
O corazón é quen manda,
i eu obedezo.

Ningún comentario: