"Mirada i ma", Antoni Tàpies |
O pasado luns, 6 de febreiro, faleceu o pintor español Antoni Tàpies. Foi un dos artistas españois máis destacados do s.XX, con amplo recoñecemento a nivel internacional. Tàpies (pronunciado "tapias") creou un estilo propio, abstracto e moi simbólico no que os materiais (area, roupa, palla...) xogaron un papel moi importante.
A súa técnica, que el calificaba como mixta, é digna de mención: coa tea en horizontal, no chan, facía unha primeira capa homoxénea de pintura monocroma, sobre a que aplicaba unha mestura de po de mármore triturado, aglutinante, pigmento e óleo, aplicado con espátula ou coas mans. Cando estaba case seco pegaba tea de saco que despois arrincaba creando unha textura de zonas rabuñadas ou incluso perforadas. Despois facía máis marcas e rachos con outros obxectos e aplicaba manchas e signos (cruces, letras, lúas...). Como non usaba fixadores, a obra duraba relativamente pouco (cousa que el defendía, xa que lle gustaba reflectir o paso do tempo).
Tàpies, un maestro da pintura, foi admirado por moitos, pero non estivo exento de polémica. Os seus detractores dicían que as súas obras podía facelas ata un rapaz, como se di inxustamente de tantos outros artistas. O certo é que pertence xa á historia da arte.
“Penso que unha obra de arte debería deixar perplexo ó espectador, facerlle meditar sobre o sentido da vida” (A. Tàpies).
Deixámosvos un bo documental sobre Tàpies en 3 partes:
Antoni Tàpies (1923-2012) diante dun cadro seu. Foto de L. Penelo |
Se falamos de arte, e de arte polémica, non podemos deixar de comentar unha exposición de Martin Creed que hai nestes momentos en Madrid. A exposición está a provocar reaccións moi airadas por parte do público, que non sabe que pensar (¿arte ou tomadura de pelo?) cando se atopa cun folio de papel feito unha bola:
"Bola de papel", Martin Creed |
"Un pouco de Blue-Tack amasado, enrolado e estampado na parede", M. Creed |
Realmente só podemos concluir que a arte está na mente do espectador. Ou que é arte todo aquilo que se fai con intención de que o sexa. En calqueira caso, o tempo dirá se Creed foi un artista ou un enredante; de Tàpies xa sabemos que foi un xenio.
Para ver a obra de Martin Creed e decidir por vós mesmos, nada mellor que a súa web.
Ningún comentario:
Publicar un comentario