08/04/15

As recomendacións de primavera 2


 Familias e adultos:






QUEIZÁN, Mª Xosé: Son noxento, Xerais, 2015.
Suso é un deses homes aos que «ningunha femia pode atar». Con todo, o que aconteceu obrigouno a casar con Lilí, unha «nena ben, a nena de papá e de mamá, dunha familia desas burguesas e tradicionais». Suso púñase tolo, saído como un can, cando miraba moverse o cu de Lilí, así que o intentou polas boas e polas malas.Son noxento é a historia dunha relación presidida pola crueza e dun individuo abominable, un deses personaxes de carne e óso que, lamentablemente, existen, e que un día, sen que a autora desta novela saiba ben como, se lle filtrou no maxín. E, aínda que non é agradable –nin sequera na ficción– tratar cun ser amoral como Suso, María Xosé Queizán confesa no limiar que, ao construílo, estivo todo o tempo diante do ordenador «sen parar de rir». E é que ese é un dos paradoxos de Son noxento: como pode ser tan hilarante un ser tan repugnante? Ademais de abordar a crítica social desde a boa literatura, Son noxento é unha novela presidida polo humor, por ese humor imprescindible para achegarse ás circunstancias e aos personaxes máis dramáticos a fin de escribir un relato intelixente e literario. Son noxento conta unha historia que nos mantén expectantes, elaborada a través dun espléndido monólogo interior. Unha curta e gran novela de María Xosé Queizán

PORTAS, Manuel: Amor en alpargatas, Xerais, 2015.
Amor en alpargatas non é unha historia real, aínda que podería selo. Por veces, os personaxes desta novela presentan reminiscencias biográficas que facilmente resoan na nosa memoria colectiva recente. En pouco máis de vinte minutos, no medio dun cemiterio deserto, as lembranzas selectivas do amor de Sara e de Lucía eríxense na particular despedida que lle tributan a Senén, un nacionalista anónimo, un de tantos bos e xenerosos que padeceron as consecuencias das loitas fratricidas que ciclicamente sacoden o nacionalismo galego. É nese contexto temporal, político e emocional no que se desenvolven as historias de amor que percorren a novela, por forza fragmentarias, obrigatoriamente parciais, mais que no seu conxunto permiten intuír unha foto fixa, se non real, si realista, dunhas vidas coas alforxas cargadas de verosimilitude

TIZÓN, Manuel: A antesala luminosa, Xerais, 2015.
O inspector Sánchez investiga a identidade de dous cadáveres calcinados que aparecen nas inmediacións da praia coruñesa do Matadoiro en plena madrugada de San Xoán do ano 2000. Axiña descobre que un deles pode ser Gustavo Gallego, un curmán do comisario, a quen se lle encomenda a misión de atopar o seu familiar desaparecido. Cando comproba que está vivo, inicia a súa busca por distintas cidades mentres vai lendo unha novela escrita polo fuxitivo en terceira persoa que só contén capítulos pares, polo que os feitos narrados polo inspector en primeira persoa funcionan a modo de capítulos impares. Estamos, pois, ante dúas medias novelas que se complementan nun xogo metaliterario nada complicado para o lector. Unha das historias transcorre en doce días e a outra alóngase durante vinte anos; están escritas con diferentes estilos. Crime, intriga, corrupción, impunidade, whisky abundante, sexo, prostíbulos, garitos de xogo... presiden unha das historias; a outra trata sobre o amor, a convivencia, o demo, o inferno –a loucura– como tema catalizador, como antesala luminosa da morte. Estamos ante unha novela mestiza, mulata. Unha novela que paga a pena ler como contribución a un xénero negro menos xenuíno e máis transcendente.

AMEIXEIRAS, Diego: Conduce rápido, Xerais, 2014.
Tras fuxir mangada coa cámara fotográfica que lle roubou na Quintana a unha parella de turistas, Erika caeu a rolos polas escaleiras de Praterías e procurou sandar as súas feridas na casa dunha amiga. Samuel, o seu irmán, co que convive nun piso do barrio de Vite, procura nas rúas compostelás unha oportunidade definitiva que os saque de vez daquela merda de vida. A aparición dun paquete levará a que as vidas dos irmáns se crucen coas de Ventura, un mozo que fachendea de dedicarse a resolverlle problemas á xente, tanto os sinxelos coma os complicados, apenas un eufemismo para agochar que forma parte dunha banda dedicada ao branqueo e préstamo de cartos. Na liña de novelas anteriores como Dime algo sucio, Historias de Oregón, Todo OK, e Matarte lentamente, Ameixeiras profundiza en Conduce rápido na súa liña de modernización radical do xénero negro, baseada na brevidade, dosificación da información, tramas cruzadas e máxima economía expresiva. Coa precisión dun cirurxián ofrece un extraordinario retrato de vidas precarias que deambulan polo decorado da Compostela de hoxe.

MAI JIA: El don. Ed. Destino, 2014.
RongJinzhen é un home fóra do común, cun don extraordinario para as matemáticas, que é obrigado a deixar a súa carreira e traballar como criptógrafo para o estado. A novela é todo un fenómeno literario en China, e xa leva 100 edicións a nivel mundial.

  

MONTERO, Rosa: El peso del corazón. Ed. Seix Barral. 2015.
O regreso da detective Bruna Husky. Un thriller, unha novela de aventuras política e ecolóxica, unha historia de fantasía e ciencia ficción, un conto para adultos, unha reflexión sobre a vida e a morte e unha historia de amor.



Música e non ficción:






Cantigas do camiño. Boa Records, 2010. Libro-disco.
O proxecto colectivo Cantigas do Camiño, reuniu a 13 autores e grupos do máis representativo do folk galego nun CD conxunto inspirado e relacionado coas rutas xacobeas, xunto cun libro escrito en galego, español e inglés con ilustracións e textos arredor do Camiño de Santiago. Listaxe de cancións:


1. SUSANA SEIVANE “Camiño Longo”
2. FALTRIQUEIRA “Ultreia (et suseia)”
3. GUADI GALEGO & VAAMONDE, LAMAS E ROMERO “Dum Pater Familias”
4. UXÍA “A Casa da Xente”
5. LEILÍA “1000 Camiños”
6. LUAR NA LUBRE “Romance de Don Gaiferos”
7. SONDESEU “Amence no Camiño – Alborada de Pontecaldelas”
8. FUXAN OS VENTOS “Camiño de Romaría”
9. TREIXADURA “Foliada de Santiago”
10. MILLADOIRO “O Camiño”
11. BONOVO “A Ruta Esquecida”
12. EMILIO RÚA “Crenzas”
13. BERROGÜETTO “Indosesta”


COUTO GLEZ., ADELA: Cociña galega para xente nova. Ed. do Cumio, 2012.
Este libro está elaborado ex profeso para xente nova, pensando nese momento no que vos independizades e descubrides que debedes asumir unha tarefa que tal vez non dominades en exceso e na que sempre se agradece un apoio ou unha orientación. Son 95 receitas da cociña tradicional galega, onde atoparedes sopas, caldos, peixes, carnes, arroces, pastas, tortillas, ovos, castañas, filloas, salsas, sobremesas, consellos…, e sobre todo unha forma de cociñar moi sinxela que poderá evitarvos multitude de atrancos na cociña. 

IGLESIAS DIZ, J. L.: Un pozo moi fondo. Anorexia, bulimia e outros trastornos da conduta alimentaria. Ed. Galaxia, 2012.

Un pozo moi fondo pretende ser unha guía útil para as familias, os docentes, e os propios doentes, para saber como enfrontarse aos trastornos da conduta alimentaria. Nunha linguaxe clara e accesible a todo o mundo, o doutor Iglesias Diz, especialista recoñecido neste tipo de cuestións, fainos ver cando nos debemos alarmar diante de determinados comportamentos e como recoñecer os síntomas que anuncian a aparición da enfermidade, ao tempo que nos ofrece estratexias para desde a casa, a escola, os medios de comunicación, etc., abordar esta espiñenta cuestión coa seguridade de que estamos a facer o correcto.

BERASATEGUI, M. e DE JORGE, D.: Más de 100 recetas adelgazantes pero sabrosas. Ed. Debate, 2014.
Para adelgazar sen sentirse desgraciados e disfrutar comendo mentras baixas kilos. Con estas receitas, David de Jorge perdeu 130 kilos. 

Facendo clic no título do libro verás algunhas das receitas que contén.

BLASCO CONTRERAS, F.: Gardner para principiantes. Enigmas y juegos matemáticos. S.M. 2014.
Libro de enigmas e xogos matemáticos, homenaxe ao matemático M. Gardner, creador da “matemaxia”.

Descarga aquí o primeiro capítulo de balde.

GONZÁLEZ PAREDES, J: La guía secreta del camino de Santiago. Ed. Ikusager, 2010.
Aloxamentos con encanto, restaurantes curiosos e orixinais, bares, tendas e lugares que paga a pena visitar.


 

Ningún comentario: