Amosando publicacións coa etiqueta obradoiro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta obradoiro. Amosar todas as publicacións

15/06/16

Nos ollos de Torneiros

Os alumnos de 4º de ESO do CPI da RIBEIRA van inaugurar este venres 17 de xuño unha exposición de fotografía -Nos ollos de Torneiros- na Casa da Cultura do Porriño ás 17:00 horas, froito do obradoiro realizado co fotógrafo Tono Mejuto.

A actividade enmárcase dentro do proxecto "Fotografía en curso" (Plan Proxecta da Xunta de Galicia). Conta coa colaboración do Concello do Porriño e consiste en dar a coñecer a contorna do centro educativo dos rapaces a través das súas fotografías e do seu ollar.
Este proxecto innovador, no que participan as profesoras Mar Cuba Taboada (Francés), África Álvarez Outerelo (Música) e Cristina González Treceño (Ed. Plástica e Visual), pretende introducir a fotografía nas aulas e permite aos alumnos mellorar a técnica fotográfica, estimular a súa creatividade e espertar afeccións artísticas.

A exposición, que se poderá visitar do 17 de xuño ao 1 de xullo, pon fin a meses de duro traballo no que os rapaces foron transformando a súa mirada e perfeccionando a súa técnica fotográfica.
Este traballo favoreceu o desenvolvemento de distintos proxectos interdisciplinares no centro así como obradoiros de escritura e de fotografía, algúns deles impartidos polos propios alumnos de 4º aos seus compañeiros de cursos inferiores.

Non deixedes de visitala!

05/06/16

Máis cousas do obradoiro de fotografía

Como xa comentamos nunha entrada anterior do blog, este ano, o alumnado de 4º ESO e 4º PDC tivo a grande oportunidade de participar nun curso de fotografía que se impartiu no noso centro e no que todos disfrutaron e aprenderon moito.
Dito curso fora solicitado pola nosa profe de francés, Mar Cuba, dentro do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, no apartado "Proxecto fotografía".
Tivemos a sorte de ser un dos dous centros seleccionados en toda Galicia para realizar un obradoiro contando cun fotógrafo profesional, Tono Mejuto, que, coa súa cámara de gran formato e alta resolución, fixo que os nenos e nenas descubrisen unha nova forma de ollar o mundo e de relacionarse cos demais.
O contacto directo neste obradoiro co fotógrafo, o feito de tocar e manipular cámaras e obxectos especiais que de outro modo non coñecerían, o acceso a unha formación específica que non é habitual nos centros escolares... foron aspectos que todos agradeceron tendo en conta ademais que para moitos destes adolescentes será unha nova afición a partires de agora e un novo modo de coñecer e valorar a arte.
Outro motivo de ledicia para todos os participantes é que a súa obra poderá ser contemplada nuha exposición que se vai presentar na Casa da Cultura de O Porriño e que se inaugurará o vindeiro 17 de xuño. Nela amosaranse as fotografías realizadas con Tono Mejuto que representan a diversidade da contorna desta localidade. Ademais, a exposición ten o carácter de itinerante e o próximo ano poderá ser visitada na cidade de A Coruña, e quizáis nalgunha máis...
Noraboa a todos os asistentes ao obradoiro e gracias a Tono pola súa colaboración!

Este curso de fotografía no só repercute positivamente nos nosos nenos e nenas maiores fomentando a súa creatividade senón que os está a involucrar noutros proxectos.

Como colaboración e homenaxe ao ano de Manuel María realizaron un safari fotográfico en torno ás pingas de auga e basearon as súas fotos nun dos versos do poeta:

"BREVE COMO A MILAGREIRA PINGA DE ORBALLO"
A idea consistiu en retratar as pingas en todas as súas variantes: choiva, néboa, resío, bágoas...

Ademáis resultou unha actividade interdisciplinar e "interniveis" ao participar o grupo de Plástica de 1º ESO coa súa profesora Cristina González na elaboración dunha composición pictórica en forma de mural que representa a auga do mar e o ceo e que nos lembra a composición en "pixels" das fotografías.
Por outra banda as fotografías e o mural foron acompañadas dunha composición orixinal das rapazas de 4º PDC, axudadas pola súa profe de Música, Africa Álvarez, cunha melodía musical baseada nos sons da auga.
 
Tamén os alumnos de Educación Infantil e as súas profes fixeron un mural titulado "Canto pesa unha bágoa" que podemos admirar no corredor a carón das aulas dos pequerrechos.


O obradoiro de fotografía tamén deu lugar a un obradoiro de escritura que tivo diversas vertentes:

A profesora Mar Cuba facilitou aos alumnos modelos de haikus en tres linguas (francés, galego e castelán). Os nenos relacionaron distintos poemiñas coas fotografías realizadas e, ao revés, compuxeron haikus a partires das imaxes. Tamén a profesora Inés Montenegro, moi aficionada á fotografía, participou nesta actividade vinculando as súas propias imaxes a algunha das poesías.


Outras fotos do obradoiro, neste caso co tema "Escaleiras", deron pé a reflexións baseadas na obra literaria  "Historia dunha escaleira" de Buero Vallejo.


Xa por último, o alumnado de 2º ESO participou neste obradoiro de escritura na clase de Lingua castelá coa profe Pilar González. A partires da presentación de dúas imaxes obtidas polos seus compañeiros, elaboraron diversos textos narrativos que finalmente se presentaron nun pequeno cartaz.




En relación co proxecto de centro deste ano "Olimpíadas", os participantes no obradoiro de fotografía compartirán tamén os coñecementos aprendidos co resto dos cursos (especialmente con 5º e 6º de Primaria) para que o alumnado poida mellorar as súas técnicas fotográficas co gallo de participar no concurso de fotografía que, para todo o centro, está a preparar Mar Lorenzo, coordinadora das TICs.

Finalmente tamén amosarán aos pequeniños de Educación Infantil a maxia da cámara escura nun breve obradoiro que, en datas próximas, levarán a cabo.

Por último, lembrámosvos unha vez máis a exposición. Xa sabedes que comeza o día 17 de xuño na Casa da Cultura.
Animádevos a ir!




24/05/16

Aprendendo a ser fotógrafos


Presentámosvos unha nova actividade que se está a traballar con moito interese nas clases dos maiores de ESO e que se desenvolve dentro do programa "FOTOGRAFÍA EN CURSO", enmarcado no PLAN PROXECTA da XUNTA DE GALICIA

Cóntannolo así:
  
Os alumnos de 4º de ESO e 4º de PDC estamos a realizar un obradoiro co fotógrafo TONO MEJUTO.
A idea consiste en mostrar a contorna a través das nosas fotografías, reparando nas cousas que parecen pasar desapercibidas e retratando á xente e ao mundo que nos rodea. Tono déixanos a súa cámara de gran formato e nós captamos o instante.
Estas son algunhas das imaxes que retivemos. A ver que vos parecen.

 

 "Se sabes esperar, a xente esquecerá a túa cámara e entón a súa alma sairá á luz."
 Steve  McCurry