25/01/12

Contesta ou disparo

Neste enlace podedes descargar (legalmente) o libro Contesta ou disparo, de Fran Alonso (autor de Cemiterio de elefantes e Cartas de amor, entre outros libros que atoparás na biblioteca). Trátase dun libriño de entrevistas curtas e amenas. El defíneo así:

"É un libro en edición dixital que recolle 34 entrevistas breves, rápidas e de aire frívolo, feitas hai vinte anos desde o Diario 16 de Galicia, a 34 persoas da cultura e da política galega como Isaac Díaz Pardo, Mago Antón, Julián Hernández, Justo Beramendi, Luma Gómez, Chano Piñeiro, Miguelanxo Prado, Carlos Casares, Alfonso Eiré, Manuel Moldes, Roberto Vidal Bolaño, Antón Baamonde, Xaquín Marín, Ramón Villares, Margarita Ledo, Manuel Guede, Miguel Cancio, Pemón Bouzas, Miguel de Lira, Laxeiro...
Contesta ou disparo está editado baixo licencia Creative Commons e é un libro de xornalismo, humilde pero simpático; lixeiro pero que, ao tempo, recupera a memoria de noso; fugaz pero tamén significativo."

Destacamos a entrevista que lle fixo a Isaac Díaz Pardo, recentemente falecido:




Responsable do complexo Sargadelos e de Ediciós do Castro, Isaac Díaz Pardo é un dos grandes mecenas da cultura galega.

—Séntese satisfeito co xeito en que o tratou a vida?
—Non. Máis ben sempre rexistrei fracasos.

—Quédalle moito por facer?
—Quédame moito pero xa non teño tempo.

—Non ten confianza no futuro?
—Ningunha. Teño xa 71 anos e estou na antecámara de desaparecer. Non teño ilusión ningunha polo futuro.

—Que faría se fose presidente da Xunta?
—Nunca o pensei, pero trataría de poñer Galicia ao servizo dos galegos e non dos intereses estranxeiros.

—Estamos a perder a memoria histórica?
—Estou absolutamente convencido. Pero perdémola porque hai quen está interesado en que non se lembren as cousas.

—A autodeterminación é un dereito dos nosos pobos?
—Nos nosos tempos, en que prevalece a democracia, afloran os feitos culturais diferenciados por enriba dos estados, que xeralmente están feitos na cama conxugal. No caso do estado español, mentres Isabel e Fernando estaban na cama, facían tamén un estado.

—Os libros ou a cerámica?
—Os libros.

—Dígame algo que lle moleste.
—Eu mesmo. Ser como son.

—Dígame algo que lle agrade.
—Xa son vello para esperar o que máis me agrada.

Ningún comentario: