O blog da biblioteca do CPI da Ribeira



Por favor, completa esta enquisa sobre o club de lectura. Grazas!





Artigo para a revista Ruxe-ruxe:



Este curso, un grupiño de lectores e lectoras empedernidos puxémonos de acordo para facer un novo club de lectura, que chamamos Intri-GA, pois todos os libros tiñan unha boa ración de intriga e ocorrían en Galicia ou no Camiño de Santiago. Así foi como Celine, Lucía, Isa, Sheila, Rebeca, Iria e Dani, coa nosa coidadora Loli e a profe Inés, quedamos a comer dous martes ao mes para falar a gusto dos libros que eliximos ler, ver algunha película, buscar información por internet e zamparnos unhas sobremesas boísimas! As novelas que “degustamos” foron estas:



  • A procura do falso Grial, de Manuel Forcadela, é unha historia de detectives na que se mesturan os nazis nunha serie de asasinatos que ocorren no Vigo actual. O final deixounos un pouco chafados, pero cando o autor nos explicou o por que, de onde sacara as ideas e un montón de cousas máis, xa vimos a novela con outros ollos.

  • Todos somos, de Marcos Calveiro, que tamén está ambientada en Vigo, céntrase no que lle sucede a varias persoas cando Natalia, unha moza, desaparece no seu barrio. Aínda que parecía que ía ser a que tiña menos intriga, atrapounos dende o principio e fixemos varias apostas sobre quen sería o secuestrador, se estaría viva ou non... Sobre o final non nos puxemos de acordo, pero iso foi case o primeiro que nos dixo e explicou o autor cando veu, así que tivemos que darlle a razón.

  • Iacobus, de Matilde Asensi, é unha historia moi distinta, ambientada no século XIV e que transcorre, nunha boa parte, no Camiño de Santiago. Conta as aventuras de dous monxes (e alguén máis que non podemos desvelar) que andan na procura dos tesouros dos cabaleiros templarios. Non falta acción e intriga, aínda que a algúns de nós pareceunos un pouco longa.
Ademais destas novelas, a profe Inés recomendounos unhas cantas novelas máis de intriga que xa compraron para a biblioteca. Xa limos algunha e a verdade é que nos gustaron e moito!

Como xa fomos adiantando, tivemos a sorte de que a profe Chus nos conseguise que dous autores, Manuel Forcadela e Marcos Calveiro, viñesen falar con nós sobre os libros que lemos. Foi moi interesante! Só faltou que a autora da terceira novela, Matilde Asensi, tamén puidese vir, pero como iso era imposible e había que facer algo relacionado coa terceira novela, marchamos de excursión un día enteiro, xunto con algúns alumnos de 1º e 2º, para coñecer un mosteiro de verdade (o Mosteiro de Oseira, que está no Camiño de Santiago), o barrio xudeo de Ribadavia (que só podemos dicir que tamén está relacionado con Iacobus) e pasar uns bos momentos no río Avia. 
 
Agora só queda esperar que o curso que vén tamén haxa club de lectura! Ou varios clubs! Animádesvos, profes? 





Ningún comentario: